Sábado, 3 Maio de 2025

COGAMI asume a xestión do Servizo de Atención Temperá de Mos

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, visitou as instalacións do Sevizo Municipal de Atención Temperá en Mos, sitas na parroquia de Louredo, acompañado pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, e a Traballadora Social Municipal supervisora do Servizo, Loli Rodríguez.

A visita prodúcese tras de que fose aprobada, o pasado 15 de setembro en Xunta de Goberno Local, a adxudicación a COGAMI como empresa concesionaria do novo contrato do servizo de Atención Temperá.

Ademais coincide coa incorporación ao servizo, durante este pasado verán, dunha logopeda máis. Con esta nova traballadora o programa suma 4 profesionais que prestan axuda a máis de 100 familias mosenses e da contorna.

O Servizo de Atención Temperá desenvólvese nas instalacións da ludoteca de Louredo (antigas Ecolas Unitarias), e conta cunha nova logopeda na súa plantilla, sumando un total de 4 traballadoras: 1 psicóloga, 2 logopedas e 1 fisioterapeuta.

O devandito servizo municipal conta con subvención autonómica anual que financia o 90 % do custe do servizo, o que supón unha aportación económica da Xunta de Galicia a través da consellería de Política Social de máis de 100.000 euros, aportando o Concello de Mos con fondos propios o 10% restante do orzamento anual total. Esta axuda enmárcase nas subvencións ás entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede Galega da Atención Temperá cofinanciadas pola Unión Europea.

O Servizo de Atención Temperá en Mos resulta moi importante e leva tido unha moi boa acollida desde a súa posta en marcha. Xa é o 5º ano de prestación de servizo desde que se creou.

O novo contrato da empresa concesionaria do servizo asúmeo COGAMI. O importe anual do contrato ascende a 147.110,31 euros.

En Mos benefícianse deste servizo nenos e nenas de 102 familias mosenses e da contorna. O obxectivo deste programa municipal de Atención Temperá é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, a súa familia e contorno, co fin de facilitar a súa autonomía persoal e a dita inclusión.

Na unidade de Atención Temperá do Concello de Mos, desenvólvese unha destacable e importante labor por parte dos profesionais que alí traballan, para axudar ás familias do municipio de Mos e da súa contorna. Existe un importante vínculo de traballo entre o Servizo de Atención Temperá, o Centro de Saúde, as Escolas Infantís e os centros educativos mosenses.

Os nenos que acoden a este centro melloran a súa autonomía e calidade de vida grazas a un asesoramento individualizado e adaptado ás súas necesidades.