Sábado, 3 Maio de 2025

As Festas de Outuno e do Pilar encheron O Rosal durante a ponte

As catro actuacións que se realizaron congregaron cerca dun milleiro de persoas na praza do Calvario

As Festas de Outono que organizou o Concello do Rosal durante a ponte do Pilar foron un éxito. Cerca dun milleiro de rosaleiros e rosaleiras desfrutaron na céntrica prazo do Calvario das catro actuacións para todos os públicos que se prolongaron de domingo a martes. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destacou os grandes resultados dunha programación “completa e que volveu demostrar que a cultura é segura”. A rexedora expón que con estas actuacións no Concello queren “manter as rúas activas e vivas para reactivar os noso sector cultural e tamén dar un pulo a nosa economía”.

As Festas comezaron cun sentido homenaxe aos irmáns José e Emilio Flores,  dúas persoas que interviñeron moi activamente na formación persoal e musical de moitos veciños e veciñas, por parte de Xistra e convidados. Cerca de douscentas persoas asistiron a esta actuación para dous rosaleiros que participaron e crearon colectivos que abranguen calquera manifestación de música popular galega e que cunha soa gaita foron quen de ensinar e divertir a todo un pobo.

O luns a música rockeira e galega de The Tetas Van foi a encargada de por o ritmo na praza, mentres que o martes tres espectáculos puxeron o broche final ás Festas de Outono. Pola mañá houbo un pasarrúas co grupo de percusión e música tradicional Trebón dos Xidos, e pola tarde foi a quenda de Teatro Ó Cubo que, co seu divertido espectáculo inspirado nun circo ambulante, congregou a 200 persoas, sobre todo nenos nenas. A música foi o punto e final da programación co concerto Con Fusión con Píscore e a Banda da Agrupación, unha mestura de música, teatro, humor, comedia xestual e clown que marabillou ás máis de 400 persoas que ateigaron a praza do Calvario na noitiña de onte.