Venres, 2 Maio de 2025

As 40 voces de Mistura Vocal, en concerto este domingo 22 no Rosal

Será ás 19.00 horas no Auditorio do Rosal con entrada de balde

A música encherá O Rosal esta fin de semana. O domingo 22 o auditorio municipal acollerá o concerto de Mistura Vocal, un coro formado por 40 voces da zona de Baixo Miño, Condado e Vigo e dirixido por Aloia Martínez que farán as delicias do público rosaleiro co seu variado repertorio.

Sobre o escenario desenvolverán a súa característica elegancia musical, a súa serenidade estética, a súa sensibilidade e unhas dotes artísticas que confiren a este colectivo semi ou profesional un nivel envexable que conquista a todas e todos os oíntes.

Na súa curta vida contan cunha exitosa traxectoria con múltiples e prestixiosos premios, galardóns obtidos tanto en Galicia como en diversos lugares de España. Tamén é recoñecido o seu labor na creación e realización de espectáculos, que sempre acollen unha grande afluencia de público.

Organizado pola Agrupación Musical do Rosal, o concerto contará cun repertorio integrado por obras de diferentes estilos e épocas, sen esquecer a autoras e autores galegos. A cita será ás 19.00 horas con entrada de balde.