Domingo, 4 Maio de 2025

Aprender a facer piragüismo está na axenda de verán do Rosal

O Concello ofrece este mes de xullo un obradoiro de 8 horas no que rapaces e rapazas maiores de 12 anos iniciaranse neste deporte

O Concello do Rosal pon en marcha un novo obradoiro este verán ao abeiro da programación de lecer destinada á mocidade rosaleira. Nesta ocasión será un curso de 8 horas de piragüismo dirixido a rapaces e rapazas de máis de 12 anos, no que o alumnado participante aprenderá todo o necesario para poder desenvolverse con soltura empregando unha piragüa en augas tranquilas.

O obradoiro desenvolverase no río Tamuxe os días 19, 21, 26 e 28 de xullo en horario de 10.00 a 12.00 horas. As persoas interesadas en participar deberán facer a inscrición previa a través da páxina web do Concello. O prezo do curso será de 18 euros por persoa e o prazo de inscrición remata o vindeiro 12 de xullo.

No caso de cubrirse o mínimo de prazas para poder desenvolver o obradoiro, dende o Concello enviarase un correo electrónico a cada participante para que proceda a facer o ingreso do prezo do curso e así garantir e formalizar a praza.

O obxectivo do Concello á hora de poñer en marcha este tipo de actividades para a mocidade é ofertar unha programación de lecer atractiva e variada que anime a participar a todas as rapazas e rapaces rosaleiros.