8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalÁbrese o prazo de licitación para a ampliación do mercado do Rosal

    Ábrese o prazo de licitación para a ampliación do mercado do Rosal

    A presentación de solicitudes remata o 14 de outubro e o orzamento da obra é de case 380.000 euros

    O Concello do Rosal anuncia que o prazo de licitación para a mellora e ampliación do Mercado de Abastos xa está aberto. As entidades interesadas poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro 14 de outubro a través do Portal de Contratación do Estado (PLACE). A intervención, que conta cun orzamento de case 380.000 euros, mellorará as infraestruturas actuais e creará un espazo de degustación e de restauración que dotará doutro enfoque ao espazo.

    A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, explica que esta ampliación súmase á recente renovación do Mercado que se realizou durante a primeira metade do ano, e destaca que responde “á aposta do Concello polo comercio de proximidade, polo produto local e de calidade”, como medio para “activar e reforzar a nosa economía”.

    As melloras consistirán na creación dunha maior zona de degustación con novas mesas, cadeiras e taburetes, e na construción de dúas xardineiras, unha na terraza da planta superior, e outra no patio da planta inferior. As obras deben ter unha duración de 10 meses e farán do espazo un lugar “cómodo, sostible, e eficaz para degustar os produtos locais incorporando toda a vertente culinaria asociada”, destaca a rexedora.

    A ampliación camiña na liña dos mercados de excelencia marcados pola propia Xunta de Galicia pola que se aposta por dotar aos mercados de proximidade dun valor engadido converténdoos en epicentro culinario, de degustación e restauración. Deste xeito xérase un espazo de lecer e convivencia para a toda a veciñanza coa posibilidade de realizar actividades de diversa índole no seu interior.  Con estas melloras o Concello rematará o seu proxecto para dotar o mercado, construído en 1954, dunha imaxe totalmente renovada e moderna, facéndoo máis confortable e atractivo para os e as comerciantes, e os rosaleiros e rosaleiras que busquen un espazo para mercar e desfrutar do produto local.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.