Sábado, 3 Maio de 2025

A maxia de Leilía e o son tradicional dos Carunchos, este sábado 24 no Rosal

Xa podes reservar a túa entrada na web do Concello para desfrutar deste concerto na Praza do Calvario

A axenda cultural de verán regresa esta fin de semana ao Rosal cunha cita dobre. Este sábado 24 de xullo a Praza do Calvario acollerá dous concertos nos que a maxia e a música tradicional camiñarán da man.

Leilía chegará ás 21.00 horas co seu espectacular traballo, no que apostan por recuperar a tradición galega ao son das pandeiretas, incorporando instrumentos e polifonías non tradicionais para dar continuidade ao pasado a través do presente. Seis voces femininas que fan recollidas de coplas tradicionais galegas con interpretacións moi respectuosas coas versións tradicionais na letra e na execución vocal.

E tras o meigallo destas seis artistas será a quenda dos Carunchos. Ás 23.00 horas este grupo de tradición oral subirase ao escenario coa súa mestura de cantigas e melodías de nova composición con antigos romances e pezas populares. Presentarán o seu novo disco, ‘Lingua de Xigantes’.

A reserva de entradas, de balde, xa pode realizarse a través da web municipal. Para garantir a saúde de todas e todos, a actividade contará con aforo limitado e con todas as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias.