Venres, 2 Maio de 2025

A forza dos elementos, gañadora do concurso de normalización lingüística no Rosal

Dar pulo ao galego dun xeito gráfico e orixinal. Ese era o obxectivo da convocatoria que o Concello do Rosal realizou entre o alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier e que buscaba atopar un deseño creativo co ilustrar bolsas de tea que xa se repartiron entre toda a rapazada. O resultado foron unha morea de propostas visuais únicas entre a que destacou a de Xavi Brey Domínguez, estudante de 4ºB de Primaria e gañador do concurso con ‘A forza dos elementos no galego: encantamento, auga, terra, vento’.

O seu deseño, que agora xa adorna as bolsas de tea, “transmitirá unha mensaxe de orgullo e identidade lingüística”. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, subliñou a importancia “de fomentar a creatividade e visibilidade do galego dun xeito diferenciador, especialmente entre a cativada. Encántanos ver a implicación da comunidade educativa e a gran acollida de proxectos coma este que forzan unha conexión máis profunda coa nosa lingua”.

Xunto coa bolsa de tea, como recoñecemento á súa contribución, Xabier Brey tamén recibiu un agasallo especial, un encerado branco magnético e rotuladores para que continúe explotando a súa creatividade na casa.

O certame foi financiado a través dunha convocatoria para a promoción do uso da lingua galega dende o ámbito local da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.