Domingo, 4 Maio de 2025

A alcaldesa do Rosal agradece o labor “da gran maioría responsable e respectuosa” que queda na casa

Ante o comezo da cuarta semana de confinamento provocada pola crise sanitaria do COVID-19 e ante a case total certeza de que o Estado de alarma vaise prolongar, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís quixo enviar unha mensase “de agradecemento e ánimo no meu nome e no de toda a Corporación” a toda a veciñanza.

Na carta dirixida á veciñanza, agradece a alcaldesa rosaleira, o labor “desa gran maioría responsable e respectuosa que estades antepoñendo o interese colectivo actuando con total solidariedade ficando na casa”. Esa actitude é fundamental e así o explica Fernández Callís cando sinala que “se os datos comezan a arroxar certa luz é grazas a todos e todas vós”.

Non se esquece Ánxela Fernández “do gran labor que están a desenvolver todas e todos os profesionais dos servizos esenciais, que fan que poidamos levar esta situación da mellor maneira, aos grandes profesionais do ámbito sanitario e a todas e todos os profesionais do Concello que están a traballar cun grao de implicación máximo nestes intres”.

Pese ao confinamento, explica a alcaldesa do Rosal, o traballo no Concello “é durante as 24 horas” poñendose á disposición sempre das autoridades competentes “e tomando decisións diarias en colaboración coas mesmas; transmitíndovos toda a información, medidas e cambios desde o primeiro minuto; atendendo a todas as demandas dos veciños e veciñas; en comunicación directa co ámbito educativo e en colaboración constante co noso Centro de Saúde”.

Este traballo permitiu, engade Ánxela Fernández, que o Concello puidera “dar resposta a todas as emerxencias sociais crecentes derivadas da situación de confinamento desde a área de servizos sociais e coa colaboración e experiencia de asociacións e de organismos como a Cruz Vermella, Protección Civil e a propia Policía Local na entrega de bens básicos. Sen ir máis lonxe, nesta última semana duplicouse a entrega de alimentos”.

Os esforzos realizados na recollida de lixo, as tarefas de desinfección de colectores e de lugares especialmente sensibles como o mercado de abastos, as medidas adoptadas para axilizar o pago a provedores, a suspensión do pago de taxas e impostos municipais, son repasadas polo miúdo na carta enviada á veciñanza na que tamén se da conta da colaboración con profesionais da psicoloxía para facilitar recomendacións coas que afrontar o confinamento. Nesa mesma liña, a alcaldesa repasa as múltiples iniciativas desenvolvidas para facer máis doada a complicada situación.

“Desde a xestión política e pública é o momento da sensatez, da suma, da honestidade, da implicación máxima e da responsabilidade”, engade a alcaldesa do Rosal, que lembra as dúas prioridades “nas que compartimos o noso esforzo, ocupación, preocupación e dedicación” que son, explica, “en primeiro lugar a saúde das persoas e, en segundo lugar, as consecuencias socioeconómicas de toda esta realidade que nos tocou vivir”.

Chama Fernández Callís a “valorar todas aquelas pequenas cousas do noso día a día que adoitan pasar desapercibidas, as persoas que sentimos preto e que queremos. Reflexionemos e pensemos conscientemente na grande importancia que ten a defensa e a aposta clara pola nosa sanidade pública”.

Remata o seu escrito sinalando que “se queremos recuperar a normalidade canto antes é o momento de ser responsables, respectuosos, de manter a calma e de sacar o mellor de nós para superar esta loita e reto colectivo que temos por diante e do que xa estamos a aprender moito das cousas importantes das nosas vidas”.