11.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalA activista feminista Amelia Tiganus comparte a súa experiencia co alumnado rosaleiro

    A activista feminista Amelia Tiganus comparte a súa experiencia co alumnado rosaleiro

    A actividade está enmarcada nos obradoiros de afectividade e sexualidade impartidos cada ano no CPI Manuel Suárez Marquier

    O Concello do Rosal continúa organizando actividades ao abeiro dos obradoiros de afectividade e sexualidade que cada ano se imparten ao alumnado de Secundaria do CPI Manuel Suárez Marquier, no que traballan conceptos como autoestima, estereotipos de xénero, sentimentos, relacións de parella ou presión de grupo de cara a fomentar o bo trato e previr a violencia de xénero entre a mocidade.

    Este xoves, os rapaces e rapazas de 3º da ESO do CPI recibiron a visita da activista feminista e escritora romanesa Amelia Tiganus, unha sobrevivente do comercio de mulleres e referente do movemento feminista en España, onde vive na actualidade. Tiganus compartiu nunha charla a súa historia persoal e animounos a reflexionar sobre a explotación sexual das mulleres. A activista tamén participou na radio escolar, onde foi entrevistada por alumnado do centro.

    “Para nós é un orgullo contar coa presenza dunha figura como a de Amelia Tiganus, que achegou aos nosos rapaces e rapazas a unha realidade dura dun xeito próximo e educativo coa que sensibilizalas e sensibilizalos sobre a igualdade real dende outro punto de vista”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

    Nada e crecida en Romanía, aos 13 anos Tiganus foi violada en grupo e, a partir dese momento, “convertinme nunha muller desbotable, que é o destino de moitas mulleres que sofren a violencia sexual. Todo cambiou porque, a partir dese momento da miña vida, convertinme nunha adolescente moi vulnerable, cousa que os proxenetas souberon aproveitar”, comenta a propia activista.

    Autora de varias obras e formadora, das súas aparicións nos medios de comunicación destaca a súa intervención nunha reportaxe de Salvados titulada ‘As invisibles’, un programa no que foi entrevistada en profundidade polo xornalista Jordi Évole, ou unha intervención no programa da Cadena Ser ‘Hora 25’ dirixido por Aimar Bretos. Militante de EHMA, o Movemento Abolicionista do País Vasco, no ano 2021 foi unha das fundadoras da asociación Emargi, dedicada a loitar de xeito integral por un futuro libre de explotación sexual e reprodutiva de mulleres e nenas dende a súa dimensión local, nacional e internacional.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.