Domingo, 4 Maio de 2025

O Baixo Miño e o Condado-Paradanta apostan pola rede ‘Ágora’ da Deputación para recuperar espazo público para as persoas reducíndollo aos coches

Formalizaron a súa participación no programa do departamento de Mobilidade 44 dos 61 concellos da provincia

Tres de cada catro municipios da provincia, un total de 44, formalizaron a súa adhesión á rede ‘Ágora’ de concellos pola recuperación do espazo público impulsada pola Deputación. Trátase dun proxecto do departamento de Mobilidade que ten como obxectivo que os municipios da provincia multipliquen o espazo destinado ás persoas nas vilas, cidades e calquera núcleo de poboación reducíndoo aos vehículos a motor.

O deputado Uxío Benítez, promotor da iniciativa, acompañado de persoal do seu departamento, e da secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán, destacou hoxe a súa satisfacción pola boa acollida do modelo. Lembrou que no mes de maio se fixo unha presentación aos concellos, aos que se lles deu de prazo ata o 15 de setembro para formalizar oficialmente a adhesión. “O resultado é máis que satisfactorio pola nosa parte. Entendemos que é un grande éxito de participación e de acollida. Veremos de agora en diante, xa que o compromiso é incrementar o espazo público para as persoas (…), e en xuño de 2023 temos que demostrar con datos que Ágora serviu para algo”, afirmou.

O nacionalista salientou que hai comarcas nas que practicamente se adheriron todos os concellos e outras nas que case a súa totalidade. Explicou que en Ágora están presentes concellos máis urbanos con máis poboación, e máis rurais e con menos poboación. “Sempre dixemos que os principios Ágora, a súa filosofía, pode implantarse en calquera tipo de concello sexa cal sexa o seu tamaño. Ese vai ser un dos retos e queremos demostralo con feitos de aquí a tres anos”, afirmou.

No caso da comarca do Baixo Miño a adhesión foi total, xa que aprobaron en Pleno ou por Xunta de Goberno os principios da rede e a adhesión: Tomiño, O Rosal, Tui, A Guarda e Oia. No caso do Condado-Paradanta aprobaron formalmente a participación no proxecto os municipios de Ponteareas, As Neves, Salvaterra, Arbo, Covelo e Crecente.

A inclusión na ‘Rede Ágora’ suporá para os concellos a participación en programas e axudas provinciais, a recepción de asesoramento por parte de persoal especializado, a captación de recursos externos para financiar proxectos (nomeadamente fondos europeos), a representación nas redes ‘Cidades que Camiñan’ e ‘Cidades pola Bicicleta’), a participación en cursos, conferencias e exposicións, así como no impulso en accións de sensibilización nos centros educativos. 

Benítez lembrou que acaba de rematar a Semana Europea da Mobilidade e subliñou que “hai que dicir que neste recuncho de Europa naceu unha iniciativa que vai ser exitosa e nós pasamos a unha seguinte fase que é lanzar iniciativas para conseguir os obxectivos”.

Algunhas desas iniciativas previstas para os vindeiros meses son a creación dun Consello Asesor participado por profesionais de recoñecido prestixio, a realización de liñas de subvencións para proxectos de recuperación do espazo público, a creación dunha ‘Facultade Ágora’ para formación de persoal técnico, unha mesa de traballo,  así como a celebración dun Congreso Internacional e os Premios Ágora ás mellores intervencións no espazo público da provincia.

Actuacións urxentes pola COVID-19

Ademais do proxecto Ágora, o deputado de Mobilidade tamén confirmou que os técnicos provinciais xa teñen visitado máis de 15 concellos da provincia que pediron asesoramento para implantar políticas e actuacións tácticas urxentes de ampliación do espazo público a raíz da situación motivada pola crise COVID-19.

“Consideramos que a situación da COVID favorece que se poidan ir implantando este tipo de políticas tanto sexa con carácter temporal e urxente ou carácter definitivo. O persoal técnico revisou cales son as estratexias de cada un dos concellos para as vindeiras actuacións a realizar”, explicou citando nomeadamente os concellos de Ponteareas, A Estrada, Bueu ou Moaña, pero lembrando que “cada concello ten os seus ritmos e a súa estratexia, e nós damos apoio técnico e empuxe, sempre respectando a autonomía municipal porque cada concello é soberano”, insistiu.

Benítez subliñou que dende o confinamento houbo certa relaxación sobre as medidas a adoptar, mais agora parecen ser novamente necesarias. “O que si quedou claro é que se tivesemos unhas vilas, unhas cidades e unhas parroquias nas que houbera máis espazo público para as persoas seguramente levariamos mellor o tema da COVID. Penso que iso é unánime e axuda a todas estas políticas que pretendemos implementar”, dixo, ao tempo que tamén fixo referencia a toda a dinámica europea e a estratexia de aposta pola economía baixa en carbono.

Rede de Cidades que Camiñan

O deputado de Mobilidade explicou tamén que hoxe se celebrou unha reunión técnica coa secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan, unha entidade da que a Deputación forma parte dende principios de verán, e de forma automática os concellos incorporados a Ágora. Subliñou que a de Pontevedra é primeira deputación que entra a formar parte e insistiu en que é preciso traballar en conxunto para “crear un estado de opinión sobre a importancia de conseguir municipios máis camiñables”.

Pola súa banda, Ana Montalbán, agradeceu que a Deputación se teña integrado á Rede de Cidades que Camiñan e felicitou ao deputado pola iniciativa de Ágora, “xa que nos parece un proxecto fantástico e unha maneira moi interesante de investir o diñeiro público en proxectos que vaian a favor da camiñabilidade e da recuperación do espazo público para as persoas”. Destacou que os 10 principios de Ágora son practicamente os mesmos que os da Rede “por iso cremos que a nosa colaboración é moi interesante”. Montalbán tamén sinalou que a adhesión da Deputación á Rede de Cidades que Camiñan non é simplemente nominal, “senón que entrou con forza” e está traballando por sacar adiante iniciativas como a campaña de ‘Cidade 30’ e tamén para influír na Lei de Mobilidade que “na que non queremos que os peóns sexamos un referentes no texto, pero esquecidos na práctica”.