A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano do programa Aprol Rural para apoiar nos concellos galegos a contratación de persoas desempregadas para a realización de servizos municipais, principalmente os destinados ás medidas de prevención de lumes forestais.
Deste xeito, nas comarcas do Baixo Miño, Condado e A Paradanta beneficiaranse 11 concellos, que recibirán unha achega global de case 200.000 euros para a contratación de 14 persoas desempregadas. En toda a comunidade vaise posibilitar, ao abeiro deste programa, a incorporación de 505 persoas sen traballo para o desenvolvemento destas tarefas en 284 municipios grazas a un investimento de 7 millóns de euros.
No que se refire á distribución das axudas na comarca do Baixo Miño, os concellos de Tomiño e O Rosal disporán de 16.500 euros cada un para a contratación dun traballador; A Guarda terá 16.206 euros para un novo empregado; mentres que Oia e Tui recibirán 13.750 euros tamén para unha contratación.
Pola súa banda, nas bisbarras do Condado e A Paradanta, A Cañiza, Mondariz e Arbo contarán con 27.500 euros, respectivamente, para dúas contratacións e Covelo, As Neves e Mondariz-Balneario disporán de 13.750 euros para unha incorporación.
As persoas contratadas realizarán tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de lumes nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Na baremación da orde de axudas deuse preferencia aos concellos fusionados e emprendedores.
O obxectivo desta iniciativa, ademais de contribuír ás accións municipais de loita contra os lumes forestais na época de alto risco, é incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural de Galicia dando un impulso ao traballo nas zonas menos poboadas da Comunidade Autónoma e favorecer a creación de emprego de calidade mediante a contratación de persoas desempregadas. Por elo, os contratos terán unha duración de nove meses e serán a tempo completo.