Sábado, 10 Maio de 2025

A Xunta outorga axudas para mellorar as coleccións das nove bibliotecas do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta

Os concellos Ponteareas, Tui, Salvaterra, A Guarda, A Cañiza, Covelo, O Rosal, Mondariz e Mondariz-Balneario recibirán fondos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para ampliar os seus volumes bibliográficos

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de outorgar máis de 25.000 euros en axudas para a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora de coleccións bibliográficas a nove bibliotecas municipais e axencias de lectura das bisbarras do Baixo Miño, O Condado e  A Paradanta.

“É fundamental seguir apoiando a cultura e aos creadores e tamén achegar a literatura aos cidadáns a través da ampla rede de bibliotecas que hai por toda Galicia”, manifestou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que informou da concesión destas partidas culturais e explicou que esta orde inclúese no compromiso da Xunta para fomentar a cultura nas contornas rurais e urbanas ao tempo que se colabora co sector editorial.

Así, os municipios da Ponteareas, Tui, Salvaterra, A Guarda, A Cañiza, Covelo, O Rosal, Mondariz e Mondariz-Balneario van recibir estas achegas da consellería, que destinou un total de 550.000 euros para esta iniciativa, orientada a todas as instalacións municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.

A primeira liña, para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico, permite que as bibliotecas incorporen estes libros dende o momento da súa entrada no mercado mediante un proceso áxil e atendendo á demanda.

A segunda orde de axudas céntrase na mellora das coleccións bibliográficas de bibliotecas e axencias de lectura públicas para que os concellos poidan actualizar os seus fondos e os traballadores dispoñan de máis marxe para planificar a adquisición das novidades editoriais e se poida aumentar a oferta aos usuarios con especial fincapé nas campañas de verán e Nadal, nas que adoita subir a demanda. “Trátase de contías e achegas que, no eido literario, son importantes, xa que poden incorporar, nalgún dos casos, máis de 500 exemplares e ademais cos títulos e as obras máis recentes, que soen espertar un maior interese entre os lectores”, concretou o delegado.