15 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaA CañizaA Xunta concede axudas ás principais adegas do Condado, A Paradanta e...

    A Xunta concede axudas ás principais adegas do Condado, A Paradanta e o Baixo Miño

    A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de conceder 466.000 euros ás principais adegas das comarcas do Condado, A Paradanta e O Baixo Miño ao abeiro da orde de axudas para reestruturación e conversión do viñedo. As principais beneficiarias destas achegas son Señorío de Rubiós (As Neves), La Val (Salvaterra do Miño), Altos de Torona (Tomiño), As Laxas (Arbo), Santiago Ruiz (O Rosal), e Chan de Vide (As Neves, entre outras.

    O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta concesión acompañado polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, nunha visita ás instalacións de Señorío de Rubiós, que executa na actualidade novas plantacións de vide en 25 hectáreas coas derradeiras axudas recibidas do Goberno galego.

    Esta adega, que recibiu unha das contías máis altas de Galicia nesta última convocatoria, xa ampliou 22 hectáreas de plantacións nos últimos anos coas achegas da Xunta e na actualidade está a executar os proxectos ao abeiro das ordes de 2020 e 2021, que rematarán en xullo deste ano e do seguinte, respectivamente, e da achega outorgada á empresa da súa propiedade Servizos Agrícolas San Juan de Rubiós. En total, estas tres iniciativas de desenvolvemento do solo de vide actualmente en marcha contan con máis de 400.000 euros en axudas de Medio Rural.

    Visita á adega Señorío de Rubiós, nas Neves

    “É un orgullo visitar unha adega como Señorío de Rubiós que traballa con esta calidade, que ten premios nacionais e internacionais polos seus viños, que diversifica a súa produción entre o blanco albariño e as variedades tintas e os viños escumosos, que exporta a metade da súa produción ao resto de España e a unha decena de mercados estranxeiros e que segue apostando polo rural con proxectos paralelos, como o hotel, o enoturismo ou a produción de marmeladas e mel, polo que sempre vai contar co apoio da Xunta”, explicou o representante autonómico.

    Esta adega, que investiu na última década 1,1 millóns de euros para reestruturación de viñedo e 170.000 euros para industrialización e comercialización coas ditas axudas da Consellería do Medio Rural, é propiedade de máis dun cento de viticultores da comarca do Condado e emprega a preto de vinte traballadores. As súas instalacións erguéronse no ano 2005, tamén co apoio da Xunta, e xa elabora preto de 1,5 millóns de quilogramos anuais de uva baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas.

    Finalmente, Luis López destacou o “esforzo e compromiso” da Consellería do Medio Rural para seguir favorecendo as plantacións de vide na comunidade “co obxectivo de que os nosos viños sigan incrementando a súa elevada calidade e avanzando no mercado”. Neste senso, revelou que o departamento autonómico destinou axudas este ano para a reestruturación vitivinícola de 245 hectáreas, das que máis da metade, 133 hectáreas, pertencen á D.O. Rías Baixas con un total de 77 beneficiarios entre adegas e particulares.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.