Sábado, 3 Maio de 2025

O Rosal acondiciona os parques infantís do Calvario e Pías

O Goberno de Ánxela Fernández Callís tamén mellorou os camiños de subida a Marín e Picons de Arriba reinvestindo os fondos do Plan Concellos 2017

O Goberno do Rosal vén de realizar traballos de mellora nos parques infantís do Calvario e Pías, actuacións motivadas pola situación de deterioro no que se atopaban algúns dos xogos das anteditas áreas infantís.

Máis polo miúdo, no Calvario realizáronse arranxos no caucho e substituíronse a totalidade dos xogos infantís, mentres que para o parque de Pías adquiriuse un novo xogo de torre con tobogán para substituir o anterior que non se atopaba en boas condicións para o seu uso.

Ademais, adquiríronse tres muelles balancín para o mesmo recinto co obxectivo de ampliar o mobiliario infantil dos espazos públicos do noso Concello.

Todas estas melloras foron financiadas, por decisión do actual goberno, co reinvestimento de importes procedentes do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.

Mellora da rede viaria

Doutra banda, o Goberno local realizou labores de asfaltado na subida a Martín e nos Picóns de Arriba, en Eiras, cun importe total de 42.426,10 euros, tamén con fondos que o goberno actual decidiu reinvestir dos proxectos do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.

Estas melloras realizáronse, segundo indica a alcaldesa, “co obxectivo de mellorar o estado no que se atopaban estas vías e así atender ás peticións dos veciños e veciñas”.