Sábado, 12 Xullo de 2025

Xunta, Zona Franca e APV visitan as obras do Apartadoiro Ferroviario da PLISAN

A Autoridade Portuaria de Vigo, xunto co Consorcio da Zona Franca e a Xunta de Galicia, están a promover e executar a construción do Apartadoiro Ferroviario da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN), co obxectivo de consolidarse como unha infraestrutura estratéxica que reforzará a conexión loxística de Galicia co eixe ferroviario Monforte–Ourense–Vigo.

Tal e como destacaron os promotores desta bolsa de solo industrial (APV, Zona Franca e Xunta de Galicia), nunha visita á zona, este proxecto ten como obxectivo posicionar a PLISAN como un nó loxístico esencial a nivel estatal e internacional. Unha vez rematada, esta obra representará un impulso clave para a economía local e rexional, reforzando o papel estratéxico de Galicia no mapa loxístico da Península Ibérica e de Europa.

Durante o acto, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que a Xunta vai comezar “de forma inmediata” coa Área Multifuncional Industrial (MI), que permitirá, coa licitación dos instrumentos de ordenación e planificación, dispoñer “en breve” doutros 1,1 millóns de m². Isto quere dicir, precisou, que estarán “urbanizados e a disposición das empresas” 1,5 millóns de m², que, xunto ás obras do apartadoiro, van configurar “un gran centro neurálxico” loxístico e industrial para o norte da Península. Nesa liña, pediu “a máis estrita colaboración” do Goberno central e de Adif na coordinación desta obra “tan complexa e imprescindible”, e que continúen “apoiando e vixiando” a execución do Corredor Atlántico.

A terminal ferroviaria, actualmente en desenvolvemento, é a peza clave da PLISAN: un apartadoiro de 60.000 metros cadrados de explanada ampliables e dedicados á carga e descarga de mercadorías. Trátase da maior terminal construída en décadas para dar servizo á principal superficie loxística e industrial de Galicia e o Norte de Portugal, cun total de 400 hectáreas de superficie.

A obra da terminal ferroviaria da PLISAN, adxudicada á UTE Apartadero Plisan, conta cun plan de execución de 22 meses e está a desenvolver 3 vías electrificadas de acceso á Plataforma Loxística para trens con convoyes de ata 750 metros de lonxitude, cunha praia de vías de 45.000 metros cadrados: 2 vías dedicadas a carga e descarga, e outras 3 para manobras, reparacións e conexión coa rede ferroviaria xeral que conecta Vigo e Monforte.

O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, destacou a importancia do ferrocarril como medio de transporte estratéxico. “É o modelo de transporte que defende Europa, supón impulsar a conectividade no tráfico de mercadorías coa Península e os países europeos e, ademais, enmárcase no Plan Estratéxico de Sustentabilidade da Zona Franca de Vigo porque reduce as emisións e contribúe a frear os efectos do cambio climático. O ferrocarril é o transporte do futuro”. David Regades sinalou tamén que “este modelo aumentará a competitividade da Plataforma e as vantaxes para o tecido empresarial que se instale na PLISAN”.

Alta conectividade e máxima intermodalidade

Unha vez finalizadas as obras da terminal ferroviaria, a nova estrutura de unión PLISAN–Porto de Vigo permitirá unha alta conectividade e a máxima intermodalidade no tránsito de mercadorías, o que vai impulsar a combinación do tráfico ferroviario, aéreo, terrestre e marítimo e a súa conexión directa co Porto de Vigo e o resto da Península Ibérica e Europa, a través do Corredor Atlántico.

A nova conectividade sumarase á xa existente por estrada, a través da AP-9, A-52 e A-55, que facilita o tránsito de mercadorías co resto da Península e Europa. A habilitación desta rede ferroviaria contribuirá, ademais, á reducción dos gases de efecto invernadoiro que leva asociado o tráfico por estrada.

A terminal ferroviaria da PLISAN conta cunha investimento de 33,4 millóns de euros e está financiada nun 29,5% con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) da UE–Next Generation EU (8,1 millóns de euros).

Estado actual das obras

Segundo indicou o máximo responsable portuario, Carlos Botana, as obras do Apartadoiro Ferroviario acadaron un avance físico certificado de, aproximadamente, o 50%, cunha investimento acumulada de máis de 12 M€ (sen IVE) e, durante os próximos meses, comezaranse os traballos de formigonado e preparación de vías.

“Dende o Porto, de acordo co resto dos socios, contratouse un encargo á empresa pública INECO, que será a encargada de elaborar os pregos para a licitación da xestión do Apartadoiro Ferroviario”. Estímase o lanzamento do dito concurso a principios do próximo ano. “Isto é moi importante, porque unha vez adxudicada a xestión, a empresa adxudicataria deberá realizar as obras de acondicionamento e compra de maquinaria”, informou, ao tempo que destacou “as múltiples reunións que estamos a manter con Adif para coordinar as obras de mellora da conexión entre Redondela e Guillarei, para poder traballar en paralelo”.

Entre as actuacións xa finalizadas, destacan o camiño de servizo, rematado na súa totalidade, así como a execución da mota de protección. Ao mesmo tempo, retomouse a construción do vial Norte-Sur e as estruturas principais atópanse practicamente rematadas. O paso inferior IP PK 124+725 está completamente executado e a ponte sobre a PO-400 xa está en servizo, ao igual que o paso inferior 123.2, tamén concluído.

Por outra banda, iniciáronse os traballos de execución da subestrutura de vía, tanto na zona das vías mango como nas vías de expedición dentro da explanada. Así mesmo, comezouse a execución das cimentacións de formigón para as catenarias, o formigonado de limpeza na vía 4 e a instalación de arquetas nos cruces de vía. Executouse a zapata da grúa pórtico e iniciouse o formigonado da plataforma de contedores.

No que respecta aos viais, finalizouse o camiño de servizo no lado de As Neves, mentres continúan os traballos na zona de Salvaterra. Concluíu a reposición do tramo afectado da PO-400, que xa se atopa aberto ao tráfico. Comezouse a execución do camiño de servizo para a vía mango en dirección a Vigo (pendente a capa de zahorra) e doutro vial paralelo ao colector D-4 para dar servizo a extraviais. A estrutura principal do tanque de tormentas foi executada na súa totalidade.