Venres, 2 Maio de 2025

A nova depuradora de Ponteareas entra en fase de posta en marcha

As obras da nova EDAR de Ponteareas (estación depuradora de augas residuais) acadaron un grao de execución global do 91 por cento, aínda que a porcentaxe elévase ao 96 % na actuación correspondente á depuradora, que xa iniciou a fase de posta en marcha, a cal se prolongará ata o mes de setembro.

A nova depuradora terá unha capacidade de tratamento de 8.894 m³/día e dará servizo a unha poboación de 22.522 habitantes equivalentes. Co inicio da posta en marcha das novas instalacións, deixáronse fóra de servizo as instalacións antigas, mantendo a obra civil do decantador e do biolóxico e renovando completamente os seus equipos electromecánicos. Procederase á demolición das partes que quedan fóra de servizo (principalmente o edificio de control e a liña de tratamento de lodos). Todos estes traballos na antiga EDAR finalizarán antes do mes de setembro de 2025.

Investimento entre Goberno, Xunta e Concello

A actuación está cofinanciada nun 50 % con fondos FEDER polo Goberno de España, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, que achegou 2,3 millóns de euros e o resto será asumido polo Concello (4,5 millóns), pero será anticipado por ACUAES e o Concello poderá pagar a súa parte nun prazo de 25 anos.

A infraestrutura, clave para garantir un tratamento eficiente das augas residuais e cumprir coa normativa europea, conta cun investimento total de preto de 14 millóns de euros. Deste importe, ACUAES anticipará arredor de 4,5 millóns de euros correspondentes ao 32% da obra, que son responsabilidade municipal.

A partir da entrega das obras en setembro, o Concello comezará a devolución deste importe mediante anualidades de aproximadamente 268.000 euros, prolongándose ata o ano 2050.

A alcaldesa Nava Castro destacou que “este compromiso é unha mostra da responsabilidade e da visión de futuro do goberno municipal. A EDAR é unha infraestrutura imprescindible”.