Redondela está a celebrar este 2025 o Ano Castelao, co gallo do 75º aniversario do seu pasamento con conferencias, homenaxes e teatro. Desde o Servizo de Normalización Lingüística, que dirixe a alcaldesa Digna Rivas, organizaranse actos “para poñer en valor o relevante papel de Castelao como político, intelectual, escritor e debuxante”, explica a rexedora.
Logo das conferencias do catedrático Ramón Villares e a do escritor Emilio Ínsua, esta semana teremos en Redondela á escritora e investigadora Diana Vilas. A autora de varios libros sobre Castelao estará mañá xoves, ás 19.30 na Oficina de Turismo para ofrecer a conferencia “O álbum dos nenos de Castelao”. Nesta charla Vilas fará unha aproximación á representación que fai Castelao da infancia. As súas ilustracións de nenos e nenas son moi célebres polo seu trazo, a súa mensaxe e a retranca tan características deste galego universal. A entrada é libre ata completar o aforo.
As actividades continuarán o 30 de maio coa conferencia de Iria Friné sobre “A cartelaría do Estatuto do 36. Castelao”. Xa no mes de xuño, o día 4, o Concello colaborará co CEIP Alexandre Bóveda (Angorén-Chapela), na celebración do aniversario de Alexandre Bóveda, coa participación das fundacións Castelao e Bóveda. Tamén se celebrará un acto de homenaxe ao redor das orixes da escultura de Castelao que preside a alameda. A estatua erixiuse en Redondela en 1987 por subscrición popular, e foi a primeira de corpo enteiro que se realizou do insigne galeguista