Sábado, 3 Maio de 2025

A información sobre a saúde feminina, protagonista das actividades polo 8M en Redondela

As mulleres representan máis da metade da poboación mundial e, sen embargo, a ciencia ten aínda no s. XXI unha gran débeda pendente coa saúde feminina. Procesos fisiolóxicos como a menstruación ou a menopausa foron estigmatizados ao longo da historia e son os eternos esquecidos das investigacións.

A concellería de Igualdade ten como obxectivo verter luz sobre diferentes aspectos da saúde das mulleres, tanto física como mental, a través do ciclo “Saúde Feminina”, con charlas e obradoiros impartidos por médicas, nutricionistas, educadoras, fisioterapeutas, enfermeiras, etc. Estas xornadas celebraranse desde o 9 de marzo e ata o 13 de abril na oficina de Turismo, na Rúa Isidoro Queimaliños, no marco da programación do Día Internacional da Muller.

As profesionais que impartirán as charlas e os obradoiros, especialistas en diferentes ámbitos, falarán sobre o corpo desde unha perspectiva de xénero e abordarán cuestións como a menstruación e a menopausa, a alimentación, a sexualidade, o autocoñecemento e o coidado emocional. Nos diferentes coloquios abordaranse temas como a “desigualdade que sofren as mulleres no ámbito da saúde mental”, segundo apunta Débora González, educadora social que impartirá a sesión sobre “Mulleres e saúde mental: mitos e realidades en torno á saúde mental”. A concelleira, Iria Vilaboa, sinala tamén a “escasa investigación que hai sobre o corpo feminino e as enfermidades relacionadas, como pode ser a endometriose”, e do que se falará nestas xornadas.

O primeiro dos obradoiros será o sábado, día 9, ás 10.00 horas sobre “Autoaceptación Corporal dende unha Perspectiva de Xénero”. Estará impartido por Lucía Pereda, educadora social especialista en igualdade. Está dirixido a nenas a partir dos 10 anos e mulleres de calquera idade. A seguinte cita será co obradoiro “Como te moves?” cunha sesión o 11 de marzo e outra o 3 de abril, a cargo da fisioterapeuta Noa Siñuela. Traballarase unha parte teórica e outra práctica sobre as “posturas ideais” e consellos sobre a actividade física. Está dirixida a mulleres maiores de 16 anos.

Son e total unha ducia de sesións sobre saúde feminina que ao longo dos meses de marzo e abril abordarán tamén outras cuestións como “Alimentación e ciclo menstrual”, “Descubrindo o solo pélvico”, “Sexualidade e saúde sexual” ou “Que acontece no noso corpo na menopausa”, entre outras.

Todas as actividades son de balde. Para participar é necesario inscribirse previamente desde unha semana antes de cada obradoiro no teléfono 986 40 28 65 ou no enderezo electrónico [email protected].