Sábado, 3 Maio de 2025

Alcaldesa de Redondela e delegado do Goberno en Galicia visitan as obras de reposición da AP-9 en Chapela

Digna Rivas lembra que se trata de traballos longamente agardados "que chegan tarde, pero chegan e esa era a miña loita e a de todos os colectivos, asociacións e veciñanza"

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada dos concelleiros Roberto Villar, Antonio Cabaleiro e Iván Valles, recibiu esta mañá en Chapela ao delegado do Goberno en Gaicia Pedro Blanco con quen supervisou as obras de reposición de viarios afectados pola ampliación da AP-9 nesta parroquia redondelá.

Rivas agradeceu esta primeira visita oficial do Delegado do Goberno con motivo destes traballos “tan agardados e tan necesarios cos que se salda unha débeda coa veciñanza de Chapela logo do castigo sufrido polas obras de ampliación”. Estas obras, recalcou, “chegan tarde, pero chegan, e esa era a miña loita e a de todos os colectivos, asociacións e veciñanza de Chapela”.

Pola súa banda o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, subliñou que o Goberno de Pedro Sánchez salda unha débeda con Redondela e coa mellora da calidade de vida da veciñanza deste concello que vive ao carón da autopista AP9.

O delegado sinalou que o Goberno avanza con paso firme para completar os compromisos ligados á ampliación de capacidade desta vía e que suman 15 millóns de investimentos en Redondela. As tres actuacións son a construción do novo centro educativo de Chapela, que xa está funcionando; a reposición de viarios, que está en execución, e a instalación de pantallas antirruído, que conta xa coa información pública aprobada e está pendente da aprobación definitiva previa á licitación.

Durante a visita insistiu: “este Goberno é un Goberno que escoita e que dá resposta ás demandas da veciñanza de Chapela, poñendo punto e final un problema que afectaba de maneira importante á calidade de vida da cidadanía da contorna da AP-9”, afirmou.

O delegado incidiu na relevancia dunha actuación que “conseguirá facer máis habitable Chapela coa mellora de espazos públicos, a creación de novos servizos e favorecendo a mobilidade segura e sustentable tanto de peóns como de vehículos, “porque neste Goberno seguimos a apostar pola comunicación útil e poñemos sempre ás persoas no centro”, engadiu Pedro Blanco.

As actuacións comprendidas nas obras son:

  • Adecuación e mellora dos camiños Penisal, Torreiro, Camiño dá Igrexa e Pasán, mediante a reposición do firme, disposición de beirarrúas, creación de zonas axardinadas e sendas peonís. Dótase de continuidade ao Camiño dá Igrexa ata a rúa Pasán.
  • Ampliación da pasarela peonil de Chapela, que cruza sobre a autoestrada AP-9.
  • Reordenación da sección transversal do paso superior sobre a autoestrada da rúa Pasán para permitir a disposición dun itinerario peonil sobre o mesmo.
  • Tamén se adecúa a contorna do IES Chapela, mediante a disposición dunha dársena para subida e baixada de estudantes que viaxan en vehículo privado, e que actualmente non dispoñen de espazo habilitado na avenida de Redondela para realizar esta operación.
  • Ampliación do paso superior de Trasmañó, mellorando deste xeito o itinerario peonil que discorre sobre o mesmo.
  • Reposición e mellora de Camiño Mouriño, repoñendo o firme e construíndo beirarrúas.

As obras inclúen ademais as debidas actuacións de integración ambiental, estética e paisaxística, e son compatibles coa actuación de disposición de pantallas antirruido neste tramo.