Sábado, 3 Maio de 2025

O Rosal distribuirá bolsas de tea e materiais reciclables para impulsar o comercio local

O Rosal continúa traballando para poñer en valor o comercio local, nesta ocasión a través dunha acción posta en marcha ao abeiro do proxecto ‘Da túa man’, unha campaña que busca promocionar que a veciñanza merque nos comercios rosaleiros e fomentar a sostibilidade e a economía circular no municipio.

O Concello porá a disposición de establecementos comerciais 25.000 bolsas promocionais de tea e material reciclables, que nos vindeiros días as e os comerciantes repartirán entre os seus compradores e compradoras. As bolsas comezarán a repartirse a partir da vindeira semana.

O Concello chegou a un acordo con ACOR para distribuír este material promocional entre os comercios asociados á entidade. Dende o Goberno municipal quérese poñer en valor o traballo que día a día realiza esta asociación para poñer en marcha actividades que dinamicen o comercio local, como a Feira do Mirabel que se celebrará o vindeiro 1 de outubro no Tamuxe con torneos, mercadiño, andainas, gastronomía e moita música.

Aqueles establecementos non asociados que estean interesados en participar na iniciativa poderán solicitar as súas bolsas na propia Casa Consistorial. O Concello tamén distribuirá parte destas bolsas entre os diferentes postos do Mercado.

O concelleiro de Comercio, Alejandro González, reuniuse estes días coa asociación de comerciantes e cos praceiros e praceiras para informar acerca desta iniciativa que busca promover o comercio de proximidade. “Apostar polo local non só fomenta o crecemento económico do Rosal, senón que tamén fortalece lazos entre os nosos veciños e veciñas, permite asentar poboación e que construamos un futuro máis sólido e sostible entre todos e todas”, destacou González.

O reparto deste material promocional reutilizable é unha das medidas recollidas no proxecto ‘Da túa man’, que contempla accións como a colocación de tótems informativos e consignas ou actividades formativas dirixidas ao comercio. O obxectivo é promover o desenvolvemento sostible no municipio non só polo impacto positivo directo nos establecementos, senón tamén por como repercute na economía local e na dinamización cultural e social das zonas urbanas comerciais.

A campaña ‘Da túa man’ está financiada nun 70 % polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos Fondos NEXT Generation da Unión Europea. A coordinación corre a cargo da Deputación de Pontevedra, que achega un 15 % do orzamento, mentres que o Concello do Rosal achega o outro 15 %.