Domingo, 4 Maio de 2025

O Rosal organiza cursos para cultivar corpo e mente

No mes de setembro comezan diferentes cursos no concello do Rosal, dirixidos a público adulto e organizados por diferentes entidades do municipio.

A Agrupación Musical do Rosal pon en marcha un Obradoiro de Memoria, que comezará o luns, 4 de setembro. Nel traballaranse a atención, orientación, calculo, razoamento, linguaxe e moito máis. Terá lugar no Local Fundación O Rosal cada luns, de 16 a 17 horas. O prezo é de 20 euros ao mes, e hai que ser socio da Agrupación Musical do Rosal para poder asistir. O curso será impartido por AGA Formación.

A Agrupación Musical do Rosal tamén é a promotora do Curso de Alfabetización Dixital, en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Unha actividade na que as  e os participantes aprenderán a manexar internet, o correo electrónico, tramitacións electrónicas, o teléfono intelixente e moito máis. O curso é gratuíto e as inscricións están abertas nos teléfonos 986 62 63 11 e 609 86 67 92 ou no correo electrónico [email protected].

En canto á actividade física, a Asociación de Persoas Maiores do Rosal organiza clases de zumba no Centro Social Polivalente, cada mércores e venres, de 10 a 11 horas. O curso comeza en setembro, e é posible inscribirse ou solicitar máis información no teléfono 646 63 39 58.

Para quen prefira a ximnasia de mantemento, será posible asistir a clases do 4 de setembro ao 18 de decembro, cada luns e venres de 18.30 a 19.30 horas no Local da Fundación O Rosal. O curso, dirixido a maiores de 50 anos e promovido pola Agrupación Musical do Rosal coa colaboración da Deputación, ten un prezo de 7 euros. Todas as persoas interesadas en asistir poden inscribirse nos teléfonos 986 62 63 11  ou 609 866 792.