Mércores, 7 Maio de 2025

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño avanza no seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino PSTD

As alcaldesas, alcaldes e representantes dos catorce concellos que forman parte do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño déronse cita hoxe no Salón de plenos do Concello de Tomiño. O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño acadou unha subvención de fondos europeos por valor de 1,5 millóns de euros ao abeiro da convocatoria extraordinaria do ano 2022 de Plans de Sostibilidade Turística en Destino PSTD, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e do Fondo Next Genertion EU.

O encontro estivo presidido por Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, entidade que coordina o Xeodestino, e por Juan González, alcalde de Nigrán e representante institucional do Xeodestino.

Durante a reunión sentáronse as bases e concretouse a folla de ruta dos vindeiros meses, constituiuse un equipo de traballo e preparouse a firma do convenio que permitirá seguir avanzando na execución do PSTD “A Despensa de Galicia”, que porá en valor a calidade e diversidade dos produtos do territorio.

“Estamos nun momento moi importante no desenvolvemento dos territorios e desde Eu Rural soubemos ver a oportunidade para acadar financiación dos fondos europeos que permitirán seguir mellorando o noso turismo e os nosos municipios” declaraba a presidenta de Eu Rural, Sandra González.

Deste xeito, os concellos que conforman o Xeodestino (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Oia, Tui, Gondomar, Baiona, Nigrán, Porriño, Mos, Redondela, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes e Soutomaior) pechan o mes de xullo dando un paso máis na súa estratexia turística común.