Venres, 9 Maio de 2025

Delfín Domínguez percorre con Carmela Silva o Camiño Escolar Seguro de Ponteareas

“Camiñar por este itinerario, que o PP tratou de bloquear na Deputación, é un acto de reivindicación da Ponteareas que queremos”

O candidato socialista á Alcaldía de Ponteareas, Delfín Domínguez, amosouse orgulloso do apoio que as Administracións presididas polo Partido Socialista están prestando a Ponteareas. Nunha visita ao Camiño Escolar Seguro ao colexio Ramiro Sabell, no que a Deputación investiu case un millón de euros, destacou a mellora nos servizos, equipamentos e dotacións municipais realizados ao longo do último mandato e a necesidade de apostar polo proxecto do PSdeG-PSOE para acelerar o ritmo nos próximos catro anos e a partir do próximo 28M.

Delfín Domínguez afirmou que “camiñar por este itinerario peonil, de 1,1 Km, que o PP tratou de bloquear votando en contra da modificación do proxecto no Pleno da Deputación, é un acto de reivindicación da Ponteareas que queremos, e a mellor demostración de quen aposta polo noso concello”. Unha obra “que dá servizo non só ao colexio, senón tamén ao aos IES Val do Tea Pedra da Auga e do Barral, ademais de a toda a veciñanza de Ponteareas”. O candidato socialista lembrou que a Deputación está tamén a piques de executar a urbanización do tramo urbano da estrada de saída e entrada dende As Neves e Arbo, demostrando así que “Ponteareas sempre pode contar coa Deputación que preside unha muller socialista, como Carmela Silva”.

O PP e ACIP, son a mesma cousa e son o pasado

Delfín Domínguez concluíu que nestas Municipais “Ponteareas xógase o seu futuro”. “A Ponteareas séntanlle ben os gobernos do PSOE, porque cada vez que gobernamos as e os socialistas na Deputación, na Xunta ou no Estado hai investimentos significativos en Ponteareas”. Enfronte, recordou, hai un PP e unha ACIP que definiu como “a mesma cousa e a volta ao pasado que ambas siglas comparten”. “Reaparecen, cos mesmos rostros, para prometer cousas idénticas ás que incumpriron cando gobernaron” e, por iso, pediu á veciñanza que non se esqueza de que a candidata do PP é a responsable dun estancamento urbanístico de Ponteareas que durou demasiado tempo e freou o crecemento, “ata que moi recentemente conseguimos, por fin, desatascar o Plan de Urbanismo”.

Carmela Silva coincidiu en que sempre son as Administracións gobernadas polo Partido Socialista as que fan que Ponteareas avance, como evidencian os proxectos para a Variante, o enlace coa N-120 ou a licitación das obras da depuradora da Moscadeira e a rede de saneamento. Ademais puxo en valor os máis de 17,6 millóns de euros achegados pola Deputación nos últimos 8 anos para financiar non só obras, senón tamén actividades municipais e mesmo para a contratación de persoas desempregadas polo Concello. “Da Xunta chegaron case cero euros; un auténtico escándalo democrático”, afirmou.

Carmela Silva amosouse orgullosa “dun legado con nomes e apelidos que esta Deputación deixa en Ponteareas” con obras como a reurbanización da contorna da piscina e o centro de saúde, as melloras urbanas, a renovación das redes de iluminación con tecnoloxía led “e esta aposta contundente por unha mobilidade sostible e segura que chamamos itinerario seguro ao colexio Ramiro Sabell, pero é unha auténtica transformación urbana de boa parte do centro de Ponteareas”.