Venres, 9 Maio de 2025

O programa «Cultura24» do Concello de Ponteareas achega a música coral a Arcos

Ars Cantorum ofrecerá un concerto de balde este domingo 26 ás 12.30 horas

O Concello de Ponteareas achega a música coral ás parroquias ao abeiro do programa Cultura24. Este domingo 26 de marzo o Centro Cultural de Arcos acollerá o concerto de Ars Cantorum, unha coral creada no ano 2005 dirixida polo mestre Javier Alonso e formada por trinta voces mixtas cun amplo repertorio que inclúe polifonía de diferentes tipoloxías, dende a sacra ata a popular. A actuación comezará ás 12.30 horas con entrada de balde ata completar aforo.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destaca o carácter integrador do Cultura24, “un programa posto en marcha polo Goberno municipal para levar unha ampla actividade cultural ás nosas 24 parroquias, dinamizándoas e dando visibilidade ás nosas agrupacións teatrais, culturais e musicais, promocionando todo tipo e estilo de arte”.

Groba convida a veciñanza a participar neste concerto, co que se fomenta o canto coral, “de longa tradición no municipio e na comarca”.