Domingo, 4 Maio de 2025

A Policía Local identifica a dúas persoas como autoras de novas pintadas en edificios e bens municipais de Ponteareas

O Concello emprenderá accións legais por un delito contra os bens patrimoniais e valorará o custo da limpeza das pintadas para a súa reclamación

A Policía Local de Ponteareas identificou a dúas persoas como autoras dos danos causados nos últimos días nas fachadas da biblioteca, do auditorio municipal e da Casa do Concello, un edificio catalogado por Patrimonio. Todas as pintadas recollen as mesmas expresións contra o Goberno municipal.

O Concello de Ponteareas emprenderá accións legais polos danos ocasionados de forma dolosa nos bens do patrimonio histórico-artístico, como recolle o artigo 323 do Código Penal, e que implican penas de multa e prisión en función dos estragos.

O Goberno municipal fará unha valoración do custo que suporá a limpeza de todas as pintadas realizadas nos diferentes edificios municipais e elementos públicos para reclamar o importe ás persoas autoras.

O executivo local lembra unha vez máis que todas as críticas son lexítimas pero a liberdade de expresión non ampara actos de vandalismo nin danos aos bens públicos “que acaba repercutindo en toda a veciñanza, que cos seus impostos debe pagar a falta de civismo dalgunhas persoas”.