O delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde, acompañado pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o rexedor local do Porriño, Alejandro Lorenzo, e demais membros das Corporacións Municipais mosense e porriñesa, visitaron esta mañá as obras do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, antes Fomento, de construción dunha pasarela ponil para o Camiño portugués de Santiago na Autovía A-52, p.k. 306+000 (enlace O Porriño) no termo municipal de Mos.
Entre outros asistentes á visita, estivo tamén presente, José Couñago, representante dos veciños da parroquia de Louredo afectados polo cruce de O Tablado. Couñago espúxolle ao Delegado do Goberno en Galicia a necesidade dunha solución urxente para o mesmo. A obra nesta intersección supón un dos temas comprometidos por Fomento en Mos e pendentes de execución.
Pasarela peonil
A obra da pasarela peonil prevese que estea rematada a finais do vindeiro mes de abril. Sobre esta nova infraestrutura a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declarou o seu agradecemento ao Ministerio xa que “por fin é unha realidade a pasarela peonil de Amieirolongo, tras tantos anos de espera para esta histórica reclamación de Concello e veciñanza da zona. Xa que con esta construción de pasarela peonil para o Camiño de Santiago evítase que os peregrinos, así coma calquera outro viandante e/ou veciño, teñan que cruzar a estrada Nacional 550, eliminando o perigo que elo supoñía”.
Para a acometida destas obras foi necesaria a cesión de terreos por parte do Concello de Mos.
A obra consiste en traballos no nó de Amieirolongo, entre a A-52 e a Estrada Nacional 550, e nela realízase unha inversión Ministerio de Fomento: de 233.741,27 euros.
Temas pendentes
Na súa intervención Arévalo, rexedora local mosense, pediu ao delegado do Goberno, máxima axilidade nos asuntos pendentes en Mos por parte do Ministerio de Fomento, tales como o Plan de Acción contra o Ruido do Ministerio de Transportes, coa implantación de medidas contra o ruido na A-55 e na A-52 en Puxeiros-Tameiga e Cerqueirás e Amieirolongo, en Sanguiñeda. A obra de intersección no cruce de O Tablado na Estrada Nacional 550 ao seu paso pola parroquia de Louredo. A gratuidade da peaxe de Porriño da AP-9, xa que é a solución máis rápida e inmediata para evitar e reducir a siniestralidade, e que se desvíe o tráfico da A-55. E o mantemento en óptimo estado das condicións da A-55 coa reparación do firme con asfalto antiruido (fonoabsorbente) e absorbente permeable, a reposición de barreiras de protección oxidadas e aboiadas, e a limpeza viaria na propia autovía e nos carrís de servizo.