Domingo, 4 Maio de 2025

O Rosal dá un novo paso na rehabilitación integral da Escola Unitaria de Tabagón

O Rosal segue dando pasos para reforzar e modernizar a educación de proximidade ao tempo que recupera o seu legado patrimonial e aposta pola eficiencia enerxética. Neste camiño, e tras a reforma da Escola de Pías, o Concello xa traballa na rehabilitación integral da Escola Unitaria de Tabagón, que suporá un investimento de 600.000 euros cofinanciado con fondos europeos a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP Local), enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

“No Goberno municipal continuamos facendo un grande esforzo na captación de fondos europeos para levar adiante proxectos vitais para o noso concello como o da Escola de Tabagón, co que non só conseguimos recuperar, conservar e valorizar o patrimonio edificado de todos os veciños e veciñas, senón tamén mellorar a calidade de vida das persoas cun custo enerxético moi reducido”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A rexedora e o equipo técnico mantiveron fai unhas semanas un encontro coa veciñanza para debullar os pormenores dun proxecto que foi deseñado contando coa comunidade educativa para incluír as demandas e necesidades reais. Así, con estas obras rehabilitarase enerxeticamente o edificio, ademais de mellorar e reordenar os espazos interiores, mellorar a accesibilidade interior e reducir os custos enerxéticos das instalacións. As obras comezarán previsiblemente ao remate do curso escolar 2022-2023 e, tras a rehabilitación do inmoble, a Escola Unitaria de Tabagón acollerá a sede do CRA María Zambrano do Rosal.

A rehabilitación da Escola Unitaria de Tabagón suporá un investimento de 600.000 euros dos que 390.000€, o 65%, será financiado a través do programa PIREP Local e outros 210.000 euros, o 25%, a través de fondos propios do Concello. A remodelación destas instalacións xa contara cunha subvención da Deputación de Pontevedra para a redacción do proxecto de mellora de eficiencia enerxética, que ascendía a 8.500 euros.

Como salienta a alcaldesa, este proxecto de rehabilitación enmárcase na estratexia de actuación do Concello para mellorar progresivamente a eficiencia enerxética de todos os edificios de titularidade pública. Unha iniciativa na que, como explica Fernández Callís, “as nosas escolas unitarias son unha prioridade, xa que ademais de ser edificios cun gran valor patrimonial e arquitectónico fomentan unha educación de proximidade e axudan a fixar poboación e manter vivo O Rosal”.