Domingo, 4 Maio de 2025

O Rosal proxecta a reforma integral da escola unitaria de Tabagón

O Rosal continúa traballando para reforzar e modernizar a súa educación de proximidade. Trala reforma da Escola de Pías, o vindeiro obxectivo do Concello será rehabilitar a unitaria de Tabagón. Para conseguilo, o goberno municipal está a facer un grande esforzo para captar financiación europea a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep Local), enmarcado dentro do Fondo Next Generation.

Esta liña de axudas foi aberta polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma). O Rosal fará efectiva a súa candidatura grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra para a asistencia técnica de redacción deste proxecto de mellora de eficiencia enerxética da escola de Tabagón, que ascende a case 8.500 euros.   

O Concello puxo en marcha un proceso participativo xunto co equipo de dirección e os profesorado para debater e incluir todas as súas demandas co fin de darlle ao proxecto un enfoque integral e non limitarse á súa mellora enerxética.

Actualmente, estase redactando o proxecto técnico contratado para a súa posterior evaluación e obtención dos permisos necesarios. Unha vez obtida a autorización de Patrimonio, procederase á súa licitación e a súa adxudicación coa previsión de iniciar os traballos ao remate do curso escolar 2022-2023.

O proxecto de rehabilitación da Escola de Tabagón enmárcase dentro da estratexia de actuación do Concello para mellorar progresivamente a eficiencia enerxética de todos os edificios de titularidade pública. Segundo a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “as nosas escolas unitarias son unha prioridade” pois ademais de seren edificios dun gran valor patrimonial e arquitectónico, “fomentan unha educación de proximidade e axudan a fixar poboación e a manter viva a nosa contorna”. Por todo isto, “queremos que sexan espazos modernos e sostibles”.