Sábado, 3 Maio de 2025

Máis de 200 nenos participan no X Torneo de Fútbol Infantil OROSALCUP

O 15 de abril clubs da comarca disputarán a fase preliminar, mentres que o día 16 celebrarase a final con equipos da máxima categoría galega

Semana Santa enche de deporte O Rosal. Máis de 200 nenos participarán esta semana na décima edición do Torneo de Fútbol Infantil OROSALCUP, un evento deportivo organizado polo UD. Ribera en colaboración con Concello e que xa está consolidado como competición de referencia do fútbol base infantil no Baixo Miño e a nivel galego. “Dende o Concello queremos poñer en valor todo o traballo realizado no deporte base, tanto no fútbol como noutras actividades, porque cando os nosos nenos e nenas e a nosa mocidade practican deporte aprenden a traballar en equipo, disciplina ou a respectar as regras e aos seus compañeiros e compañeiras”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Os xogadores e xogadoras, nados en 2008 e 2009, van desfrutar desta cita tan sinalada que se disputará en dous días. Por unha banda, o venres 15 de abril celebrarase a fase preliminar, na que os clubs da zona intentarán facerse un sitio na final. Nestes encontros participarán o UD Ribera B, o Sporting Guardés, o Goián CF e o AD Tomiño.

Por outro lado, o sábado 16 de abril o gañador da fase preliminar enfrontarase aos equipos da máxima categoría galega que visitarán O Rosal para disputar un apaixonante torneo. Esta xornada contará coa participación do UD Ribera do Rosal, o Portero 2000 de Pontevedra, o Vila do Corpus de Ponteareas, o Bertamiráns CF coruñés, o Cidade de Ribeira CF da Coruña, o Pabellón de Ourense CF e o UD Ourense.

A entrega de premios será a cargo das destacadas deportistas rosaleiras Lucía Ameal, Sara Álvarez, Noa Macías e Verónica Pérez.