Domingo, 4 Maio de 2025

O Rosal realizará unha importante reforma no pavillón municipal para facelo máis accesible

O Rosal realizará unha importante reforma no pavillón municipal para facelo máis accesible

O Concello continúa traballando para converter O Rosal nun municipio máis inclusivo e accesible en todos os eidos. O Goberno local aprobará este xoves 3 (20.30 h) en pleno unha modificación de crédito para continuar coas obras de renovación do pavillón municipal. Tras a mellora dos vestiarios locais e o cambio de chan para que usuarios e usuarias puideran practicar deporte de xeito seguro, O Rosal acometerá agora unha importante reforma do pavillón que incluirá a instalación dun ascensor que mellore as condicións de accesibilidade. “A través do proxecto Cocreando Sociedade no Rosal ratificamos o noso compromiso pola inclusión e a mobilidade e por facer accesibles progresivamente todas aquelas dependencias municipais que hoxe en día aínda non o son”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Estas obras permitirán mellorar as condicións de accesibilidade entre a planta baixa do pavillón, onde están situados os accesos e os servizos, e a planta alta, onde se atopan as gradas e a cantina. A reforma interior tamén inclúe a mellora dos vestiarios visitantes, os baños públicos e a zona de árbitros e permitirá “reorganizar os diferentes espazos existentes, modernizándoos e adaptándoo ás novas necesidades”.

“Queremos unhas instalacións aptas para persoas usuarias con diferentes tipos de mobilidade con percorridos completamente accesibles que nos permitan mellorar non só o acceso ao público, senón tamén pensar en dar un paso máis alá e abrir a porta a acoller actividades de deporte adaptado”, salienta a rexedora. A reforma plantexa tamén unha rampla e unha plataforma horizontal que garanta o acceso ao interior do pavillón.

Este proxecto de mellora levaranse a cabo a través dun convenio de colaboración ente o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que financiará o 60% da reforma. Na actualidade o pavillón conta cunha alta actividade deportiva e é sede do club de balonmán Acanor Novás Valinox, ao que o Concello quere agradecer a súa colaboración e disposición para seguir mellorando as instalacións municipais.