Venres, 9 Maio de 2025

O Rosal afonda sobre a enerxía solar da man de Francisco Hinojosa

Será na segunda charla das ‘Xornadas da Enerxía’, que se celebrará o vindeiro martes 25 ás 20 h de xeito presencial ou en liña

O Rosal continúa a vindeira semana coas súas ‘Xornadas de Enerxía’, unhas charlas organizadas polo Concello protagonizadas por conferenciantes de relevancia nacional e internacional que teñen por obxectivo abordar asuntos relacionados cos diferentes tipos de enerxía, modos de consumo, modelos alternativos, sostibilidade…  

A segunda cita deste ciclo será o vindeiro martes 25 de xaneiro ás 20.00 horas con Francisco Hinojosa Moyano, técnico superior en enerxía solar e eficiencia enerxética e xerente de Ekosol, que falará sobre as ‘Renovables, novos tempos, novas solucións’. Durante a conferencia, Hinojosa achegará ao público á enerxía solar, tanto térmica como fotovoltaica.

A charla celebrarase de forma presencial no Centro Social Polivalente ou en directo en liña a través dun enlace que se difundirá o vindeiro martes na web e nas redes sociais do Concello. Para desfrutar da conferencia de forma presencial, o Centro Social terá aforo limitado e contará con todas as medidas de seguridade necesarias ante a situación sanitaria. Durante o encontro poderán facerse preguntas e comentarios ao conferenciante e a charla será gravada e publicada na páxina web do Concello.