Domingo, 4 Maio de 2025

Comeza a transformación da estrada que une Tabagón, As Eiras e Goián

As obras, que durarán arredor de 10 meses, permitirán conectar os dous núcleos da ribeira do Rosal recuperando espazos para as persoas e fomentando a mobilidade sostible

O Rosal xa comezou a transformación da estrada que une Tabagón, As Eiras e Goián. Esta semana iniciáronse os traballos de execución da primeira fase de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-3303, un proxecto que permitirá conectar os dous núcleos da ribeira do Rosal co de Goián apostando por un modelo no que se recuperen os espazos para as persoas e se fomente unha mobilidade sostible.

“Para nós é un orgullo ver como O Rosal vai dando pasos na súa transformación non só en termos de mellora viaria, senón de mobilidade e de comunicación entre os núcleos rurais. Apostamos por un novo concepto no que a posta en valor das persoas e do ámbito rural é fundamental, adaptándonos a unha nova realidade de mobilidade”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que visitou o inicio dos traballos acompañada do concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández.

Os traballos da primeira fase de mellora durarán arredor de 10 meses, durante os que se remodelará un tramo de 1,7 quilómetros que conta cun intenso tráfico rodado e tamén cunha importante mobilidade a pé, tanto de veciños e veciñas que acoden ata Tomiño como de persoas peregrinas que conectan co Camiño Portugués pola Costa.

“Queremos fomentar a vida rural e mellorar as posibilidades de comunicación dun xeito sostible, potenciando alternativas ao vehículo privado e dándolle prioridade sempre ás persoas”, explica. Por ese motivo, crearase un carril peonil e ciclista que se completará cunha plataforma de circulación de dous carrís con beiravía e con redutores de velocidade. O Concello procederá ademais á renovación das redes de abastecemento da zona e fará a canalización soterrada da rede de iluminación pública. Para garantir a seguridade na contorna, disporase tamén dunha plataforma única con limitación de velocidade a 20 km/h na zona do CRA María Zambrano.

O proxecto final desenvolverase en varias etapas para cubrir un tramo total de 4,5 quilómetros. Nas obras desta primeira fase investiranse máis de 650.000 euros, dos que o 80% serán achegados pola Deputación de Pontevedra e outro 20% polo Concello do Rosal.