Xoves, 15 Maio de 2025

O Nadal arranca en Ponteareas este sábado 4 co acendido da iluminación e animación nas rúas

Personaxes de Nadal percorrerán o centro da vila ás 17.30 h e ás 18 h procederase ao acendido dos 300 elementos do alumeado dende a Praza Fernández Vega

Ponteareas dá a benvida ao Nadal esta fin de semana. O Goberno municipal convida a toda a veciñanza a participar no acendido das luces de Nadal este sábado 4 de decembro, co que arrancará tamén a programación prevista para estas datas. A actividade comezará ás 17.30 horas con animación nas rúas do centro urbano a cargo de personaxes propias destas datas, que farán gozar ao público familiar dun animado espectáculo para unha tarde de ledicia.

Xa ás 18.00 horas procederase ao acendido do alumeado de Nadal cun acto que se celebrará na Praza Fernández Vega. Arredor de 300 elementos colocados en máis de 30 rúas e prazas ambientarán o centro urbano cun alumeado singular, innovador e atractivo, baseado na sustentabilidade a través do uso de novas tecnoloxías máis eficientes e sostibles como o LED. A iluminación de Nadal do Concello chegará tamén ás 24 parroquias, continuando así a iniciativa posta en marcha nos últimos anos para facer partícipe das festas a todo o municipio.

Con este acto comezará a programación das festas de Nadal, na que non faltarán os obradoiros infantís, contacontos, actividades deportivas, citas dirixida á mocidade ou as actuacións musicais. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, destaca “a importancia de ofrecer actividades aptas para todos os públicos e nos que poida participar toda a familia, ademais de promover as tradicións propias da nosa vila”.

Pola súa banda a concelleira de Promoción económica, Eva Gil, salienta a importancia deste alumeado que “contribuirá a dinamizar a actividade económica do comercio local e da hostalaría en plena campaña de Nadal, unha das máis destacadas do ano”.