Martes, 6 Maio de 2025

Cine ao aire libre con ‘Cuñados’ o próximo mércores na praza do Maio de Tabagón, O Rosal

A película comeza ás 22.00 horas e a reserva de entradas pódese facer a través da web do Concello

O próximo mércores día 11 a praza do Maio de Tabagón convertérase nunha sala de cine ao aire libre. Ás 22.00 horas comezará a proxección de “Cuñados”, unha comedia liderada polos galegos Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, e Federico Pérez. A entrada é de balde, pero debe reservarse a través da web do Concello.

A película conta a historia de Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán). Acaban de meter a pata nun dos seus negocios e necesitan diñeiro. Moito diñeiro. Será Sabonis quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Con todo, é o propio Modesto quen urde un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar pero, como diría Sabonis, malo será.

A axenda cultural do Rosal non para, e a próxima semana, ademais do cine, tamén haberá un espectáculo de monicreques o luns ás 20.00 horas na Abadía das Eiras, e unha actuación infantil da man de Peter Punk e Brais das Hortas o xoves ás 20.00 no parque de Pías.