Sábado, 3 Maio de 2025

O Rosal aproba as subvencións para as traídas de augas veciñais

As comunidades poderán recibir ata 5.000 euros para financiar melloras das súas instalacións

O pleno do Rosal aprobou ás bases da convocatoria de subvencións ás traídas de augas veciñais, coa que se ofrecen axudas económicas para financiar ata o 80 % do orzamento presentado para melloras das súas instalacións, sempre e cando este non supere os 5.000 euros, cantidade máxima a recibir por traída.

Poderán presentarse a estas subvencións todas as comunidades que desenvolvan a súa actividade no Rosal. O obxecto da axuda comprenderá a adquisición de materiais, ou equipamentos, e inversións para mellorar instalacións de sistemas de captación de augas (fontes, pozos…), sistemas de almacenamento e potabilización (depósitos e o seu entorno, filtración ou decantación), e sistemas de distribución (extensión ou mellora nas redes de distribución).

O prazo para a presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP de Pontevedra. Esta convocatoria tamén estará publicada na páxina web do Concello. As solicitudes presentaranse no Rexistro electrónico do Concello.

Esta subvención é unha acción máis dentro do compromiso do Concello coas traídas de augas veciñais. A concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente, explica que tamén se ofrecen axudas económicas para financiar as análises de potabilidade obrigatorias en fontes e pozos, así como, soporte para calquera reparación urxente a realizar.