A Xunta porá en funcionamento este venres, día 30 de xullo, dúas novas liñas de autobús para conectar o núcleo urbano de Redondela coa praia de Cesantes. O Concello viña de urxir, nesta última semana, que Xunta e empresa chegaran a un acordo que permitira a veciñas e veciños olver a gozar deste servizo.
A Xunta, na comunicación da reanudación desta liña, asegura que a mesma “busca facilitar os desprazamentos dos veciños e usuarios cara este areal, estarán operativos durante o mes de agosto”.
As novas liñas contarán cun total de 8 expedicións, tres de ida e cinco de volta, de luns a venres. Unha das novas conexións cubrirá o traxecto Cedeira-Redondela-praia de Cesantes, con paradas en Cedeira (O Cruceiro), Redondela (A Farola, Fonte de Santiago, ambulatorio), Cesantes (Cruceiro), San Pedro de Cesantes, Alto de Cesantes e punta praia de Cesantes. O horario de ida será ás 16,15 horas, con volta ás 19,00, 19,45 e 20,15 horas.
A outra expedición terá saída de Redondela e seguirá o mesmo percorrido que a anterior ata a praia de Cesantes, con horarios de saída desde a vila ás 13,00 e 16,30 horas e de volta ás 13,15 e 16,15 horas.