Domingo, 4 Maio de 2025

O Pleno da Cañiza aproba a concesión da xestión e mantemento do camping ‘Carballo do Marco’

O Pleno da Corporación Municipal da Cañiza celebrado neste pasado venres, deu luz verde á proposta do Goberno local de concesión da xestión e mantemento do camping ‘Carballo do Marco’ á empresa Ana Outón Beloso, S.L. por un período de 16 anos. Trátase dunha firma con ampla experiencia no sector turístico que propón ofrecer a excelencia na calidade do servizo para subir de categoría oficial o camping e optar á distinción turística SICTED.

A proposta aprobada polo Pleno Extraordinario contempla un canon anual de 2.000,00 € e un investimento inicial nas nas instalacións de 91.300,00 €, coa adquisición de 8 construcións tipo Móbil-Home con capacidade para 48 persoas; forrado con madeira da fachada do edificio central; instalación de material deportivo con porterías e canastras de baloncesto e a adecuación do local existente para sala de xogos con novo material lúdico. Ademais o camping contará con 3 bicicletas eléctricas e outros 3 coches a pedais.

Doutra banda, melloraranse tamén os recursos e equipamento auxiliar coa adquisición dunha furgoneta eléctrica, equipo informático e software de xestión, sistema de vídeo vixilancia con gravación, sistema wifi amplificado, sistema TPV e novo mobiliario para a cafetería con renovación das mesas, cadeiras e sombrillas.

No apartado de promoción para o posicionamento do camping como destino turístico, a empresa investirá anualmente en campañas en redes sociais, sinatura de acordos con portais de referencia no campismo e impresión de novo material publicitario e promocional, ademais de asistir ás feiras de turismo de España para dar a coñecer o Concello da Cañiza e o Camping.

En canto aos servizos do propio camping ofrecerán unha especial atención aos máis pequenos, tratando de converter a instalación nun lugar familiar con actividades de aventura e deporte tamén para os maiores. Organizaranse actividades permanentes coas bicicletas eléctricas e os karts a pedais, no parque infantil, na zona deportiva e na sala de xogos. Ademais habilitarase unha zona glamping. Todos estes servizos e o de cafetería estarán abertos ao público en xeral.

Para poder realizar todos estes proxectos ademais do desenvolvemento das tarefas propias de mantemento das instalacións –limpeza, recepción, control de reservas, e atención na cafetería e cociña–, contarán cun equipo humano e técnico perfectamente xestionado e controlado que xunto co Plan de mantemento e conservación e os controis de calidade e supervisión, ofrecerán un servizo de alta calidade.

O Concello manterá relacións constantes coa xerencia do camping para coñecer de primeira man os resultados dos controis de calidade e os resumos semanais das opinións, queixas e suxestións dos clientes. Neste sentido habilitarase unha zona FTP na web do camping para acceso do Concello coa finalidade de que poida coñecer e avaliar en tempo real o grao de satisfacción dos campistas.

 A empresa terá que presentar periodicamente ao Concello os resultados dos controis semanais, coas opinións, queixas, suxestións, número de viaxeiros, procedencia dos mesmos, prezos e unha memoria final cos resultados da temporada anual.