Sábado, 3 Maio de 2025

Os alcaldes da Cañiza, Covelo e Mondariz unen forzas para solicitar a construcción dun enlace na A-52 altura da Franqueira

Os alcaldes Luis Piña, Pablo Castillo e Xosé Emilio Barros asinaron onte unha solicitude, en representación dos seus concellos e dos intereses do territorio, na que reivindidan unha antiga débeda do goberno de españa con esta zona do interior galego no tocante ás infraestruturas viarias e conexións.

Os tres alcaldes do psoe, pp e bng únense nesta ocasión para liderar unha vella reivindicación, con 27 anos de historia, que apela á necesidade de acometer a construción deste enlace como un factor determinante para mellorar a calidade de vida dos veciños, fixar e mesmo captar máis poboación e eliminar a fenda existente entre o mundo rural e o urbano, equiparando a xeración de oportunidades.

Esta reivindicación histórica que se inicia co trazado da Autovía A 52 Benavente –Vigo hai 27 anos revive e ponse de novo de actualidade debido ao peche do túnel de O Folgoso en sentido  Vigo-Ourense, desde o 21/01/21 ao 30/04/21, motivado polo incendio provocado por un camión de grandes dimensións no interior do túnel. Incendio que ocasionou importantes danos na estrutura do túnel tendo obrigatoriamente que desviarse o tráfico pola  N-120 que absorbeu a altísima densidade de tráfico que soporta a autovía.

A Autovía A-52 comezou a construírse no ano 1994. Anos antes, cando se publica o proxecto construtivo e se coñéce o trazado desta vía de 307 Km de lonxitude,  os Alcaldes dos gobernos locais e os Deputados de todos os partidos políticos en representación da provincia de Pontevedra no Congreso, reivindicaron a necesidade de construír un enlace nos dous sentidos Vigo e Madrid á altura da Franqueira que daría un gran servizo aos veciños de todas as localidades.

Saldaríase desta forma unha débeda contraída con eles polo abandono e atraso que durante décadas sufriu o interior  e rural pontevedrés en comparación co progreso que as boas comunicacións e conexións viarias achegou ás zonas do litoral.

As razóns que se argumentaban entón para pospoñer a execución desta extraordinaria obra civil era a complicada orografía da zona que obrigaba a deseñar túneles e viadutos moi custosos polo que estas obras de enxeñería civil atrasábanse continuamente.

Con todo, unha vez aprobado o proxecto, dado a coñecer o trazado e iniciadas as obras de execución, a pesar das intensas xestións que se realizaron para conseguir esta ligazón, necesario para poder conectar e comunicar a contorna rural, non se tivo en conta esta petición.

A NECESIDADE DE CREAR OPORTUNIDADES NO MEDIO RURAL PARA FIXAR POBOACIÓN

Hoxe en día, unha das maiores ameazas dos concellos é a perda de poboación  e o gran reto é fidelizala e fixala.

O despoboamento e a sustentabilidade do ecosistema rural son algunhas das problemáticas máis notorias dos concellos e entes públicos e privados están a tomar, cada vez máis, cartas no asunto. Sirva como exemplo a conectividade e a aposta das operadoras de telefonía polo rural, despregando fibra óptica de nova xeración reparando desta forma unha débeda que tamén tiñan con estas zonas e que tamén deteriorou a capacidade de retención e de atracción de persoas á contorna rural.

Por todo isto, apelando á importancia da mobilidade no medio rural, os tres alcaldes do PSOE, PP e BNG únense nesta iniciativa conxunta para manifestar ante o Goberno de España os beneficios que reportaría para o territorio a construción deste novo enlace.

Obra que saldaría a débeda histórica coa zona e suporía un crecemento económico para o territorio no seu conxunto xa que o illamento tamén é un factor de depresión económica e social para aqueles municipios peor conectados. Este novo enlace permitirá a comunicación entre os municipios, ademáis de mellorar o acceso aos servizos e favorecer o crecemento da poboación e a súa distribución xa que o mero feito de poder  permanecer no pobo natal e traballar noutro sería un factor determinante para a fixación da poboación no pobo de orixe ou residencia habitual. A redución dos tempos de transporte mediante unha boa infraestrutura apoiaría o manter os pobos máis pequenos vivos, pois os seus habitantes estarán mellor comunicados co que lle rodea. De está forma conseguiremos que os veciños non teñan que marcharse e mesmo atraeremos a persoas que buscan calidade de vida no medio rural.

Tamén se reduciría a contaminación. O estado dunha estrada non só afecta á fluidez do tráfico, senón tamén ao consumo que o coche realiza no tramo en mal estado como é o caso da  N-120. O consumo tradúcese en contaminación, chegando mesmo a aumentar en 34% a emisión de gases polo simple feito de conducir nunha estrada en mal estado. Mellorar o estado das vías axudará a evitar o efecto invernadoiro e a coidar o medio que nos rodea.

No escrito enviado onte á subdelegación do Goberno en Pontevedra, os alcaldes expresan as manifestacións e argumentos necesarios para encabezar e liderar a iniciativa de retomar a petición de construcción dun enlace en sentido Madrid á altura da Franqueira, túnel de Folgoso da A-52 e solicitan á Subdelegada Maica Larriba a súa colaboración para presentar a petición ante o Goberno de España para que se teña en conta á hora de planificar os novos orzamentos.