Martes, 6 Maio de 2025

O Rosal e Paredes de Coura, escenarios do segundo Foro da Cultura Transfronteiriza

O Rosal e Paredes de Coura serán os dous escenarios nos que transcorran os encontros da segunda edición do Foro da Cultura do Río Miño Transfronteirizo, II Culturmiño, organizado polo AECT Río Minho da man da CIM Alto Minho e do Centro de Esturos Eurorrexionais (CEER) e que se prolongará durante todo o mes de maio e xuño co obxectivo de concretar propostas e iniciativas culturais conxuntas no territorio miñoto coas que optar a fondos europeos.

Dende o venres 7, axentes culturais privados, creadores do territorio galego e portugués e persoal técnico de Cultura dos concellos e cámaras municipais de ambas as dúas beiras da raia reuniranse para debater sobre cales deben ser os eventos transfronteirizos a desenvolver para mobilizar público conxunto. Nas primeiras xornadas de traballo, este venres en Paredes de Coura e o vindeiro 14 de maio no Centro Social Polivalente do Rosal, afondarase no desing thinking aplicado á creación de proxectos culturais no río Miño transfronteirizo.

O seguinte aspecto a abordar serán os proxectos de estruturación para o financiamento, tratando os aspectos críticos no desenvolvemento e xestión en Paredes de Coura e o orzamento, financiamento e comunicación no Rosal nas sesións que se desenvolverán o 21 de maio. Para finalizar , o 28 de maio farase unha análise crítica dos proxectos desenvolvidos e falarase sobre as redes internacionais para a creación e xestión de redes e proxectos europeos.

O 18 de xuño será o peche e conclusión do II Culturmiño no Rosal, onde se presentarán os proxectos deseñados polas e polos axentes culturais para, unha vez examinados e valorados, ver a posibilidade de que algún opte a fondos europeos. O programa completo pode consultarse nesta ligazón.