Venres, 23 Maio de 2025

Inspectores de Sanidade visitan máis de 4.100 establecementos dentro da campaña para o cumprimento das medidas sanitarias da COVID-19

A campaña estará activa ata o mes de abril, aínda que, en función da evolución da pandemia, revisarase a pertinencia de aumentar a duración da mesma

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, vén de reforzar as visitas a diferentes establecementos como centros comerciais, prazas de abastos, supermercados e hipermercados, bares e restaurantes, ou instalacións deportivas, co fin de comprobar que se están a cumprir as medidas sanitarias covid.

Nas tres primeiras semanas de febreiro, foron visitados un total de 4.107 establecementos, entre eles 2.313 de alimentación (hipermercados, supermercados e ultramarinos), 250 centros comerciais e prazas de abastos, 584 instalacións deportivas, ou 765 establecementos de hostalería.

O persoal inspector de saúde pública –máis de 200 efectivos–, vén de comprobar que o 31 % dos establecementos estaban pechados polas restricións aplicables no seu concello, no 38 % dos establecementos cúmprense as medidas sanitarias covid que lle aplican ao tipo de establecemento e, por último, no 31 % dos establecementos atopáronse deficiencias ou incumprimentos, establecéndose prazos para a súa emenda.

Concretamente, nos establecementos máis visitados (hipermercados, supermercados ou ultramarinos), o 6 % atopábase pechado, o 53 % cumpría con todas as medidas sanitarias covid, nun 37 % atopouse algunha deficiencia e, nun 4 %, atopáronse incumprimentos de máis importancia.

O obxectivo da campaña é asesorar e mellorar o cumprimento das medidas sanitarias implantadas para facer fronte á crise sanitaria orixinada pola covid, en especial o control da capacidade dos locais, distancias, uso de máscaras, etc., actuacións que se encadran dentro do paquete de medidas para tentar diminuír a incidencia do virus na nosa comunidade.

Nas próximas semanas esta campaña centrarase en instalacións que permaneceron pechadas nas últimas semanas, como establecementos deportivos (piscinas e ximnasios), ou na hostalería, co fin de comprobar o funcionamento do Plan de hostalería segura, posto en marcha pola Xunta de Galicia, e que implica tamén ás administracións locais.

A campaña de reforzo estará activa ata o mes de abril, aínda que, en función da evolución da pandemia, revisarase a pertinencia de aumentar a duración da mesma.