Mércores, 14 Maio de 2025

O Rosal anuncia a apertura do prazo para solicitar subvencións para actividades sociais

Haberá 15 días naturais a partir deste martes 6 de outubro e o Concello destina para este fin un orzamento de 5.000 euros.

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra vén de publicar as bases para as subvencións municipais a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades sociais durante o ano 2020 no Rosal. As entidades interesadas terán 15 días naturais a partir deste martes 6 de outubro para presentar a súa solicitude. Estas bases, aprobadas por acordo plenario o pasado 24 de setembro, forman parte do Plan Estratéxico de Subvencións do Concello rosaleiro, unha ferramenta a través da que realizar unha planificación detallada a medio e longo prazo das axudas ao tecido asociativo.

O orzamento total para estas axudas será de 5.000 euros. O obxectivo da convocatoria é apoiar e promover en réxime de concorrencia competitiva a concesión de subvencións entre as entidades de carácter social que desenvolvan actividades que redunden no benestar social da veciñanza a través de accións de prevención, asistencia, incorporación social ou fomento e sensibilización da participación cidadá definidas como prioritarias dentro do ámbito de intervención de Servizos Sociais. A maioría das asociacións que realizan este tipo de actividades teñen un ámbito de actuación supramunicipal.

As axudas irán destinadas a financiar proxectos de inclusión social para a cobertura de necesidades básicas ou que se executen directamente con persoas en situación de vulnerabilidade; de intervención con persoas maiores, dependentes ou con diversidade funcional; de atención no ámbito das drogodependencias ou para a realización de actividades socioculturais destinadas á poboación xeral.