Luns, 5 Maio de 2025

O Rosal actualizará o inventario de Bens Inmobles Municipal, sen poñer ao día dende o 2006

A aprobación inicial levarase a pleno ordinario este xoves 24. Será ás 20.30 horas no salón de exposicións

O Concello do Rosal levará ao pleno a aprobación inicial para a actualización do inventario de Bens Inmobles municipais, no que se atopan dende todo tipo de terreos, parcelas ou prazas ata parques, escolas, lavadoiros, fontes ou bombeos. O último reconto destes bens municipais realizouse no ano 2006 e dende entón procedeuse á adquisición de parcelas e inmobles que non aparecen rexistradas como propiedade municipal, o que dificulta que en moitos casos se poida acreditar a titularidade dos bens.

O obxectivo é dispoñer dun documento actualizado que permita ser rectificado cada ano en función das altas e baixas producidas nos bens e dereitos do patrimonio e que permita ao Concello levar ao día todos os bens da súa propiedade. A realización deste inventario terá un custo total de arredor de 17.000 euros, que irán a cargo do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.

Este pleno ordinario celebrarase o vindeiro xoves 24 de setembro ás 20.30 horas no salón de exposicións do Rosal. Nel tamén se tratarán, entre outros temas, a proposta e aprobación dos festivos de carácter local para o vindeiro ano 2021.