Martes, 13 Maio de 2025

Sanidade reunirase dúas veces por semana co Concello do Rosal para o seguemento da situación epidemiolóxica

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís valora positivamente a medida e agradece contar con datos actualizados

No día de hoxe tivo lugar a primeira dunha serie de reunións por videoconferencia que a Consellería de Sanidade manterá dúas veces por semana cos rexidores dos concellos de A Guarda, O Rosal e Tomiño, con motivo dos brotes vividos nos últimos días nestes municipios. O obxectivo destos encontros será valorar a situación e a evolución de xeito frecuente, e facilitar aos concellos os datos relativos aos casos activos que hai en cada momento.

Nesta primeira reunión Sanidade informou de que no Rosal existen na actualidade 18 casos activos de COVID19, repartidos en 4 brotes: un brote de carácter laboral e tres de ámbito familiar. Neste sentido, é importante sinalar que se entenden como casos activos aqueles que foran positivos na proba de PCR, que aínda non se lles dera a alta médica, e que teñan o seu médico de cabeceira adscrito ao centro de saude do Rosal.

Así mesmo, Sanidade informou de que durante a fin de semana non houbo ningún caso máis notificado, o que se valora como unha boa nova e se espera que sexa unha sinal da boa evolución no territorio.

Ánxela Fernandez Callís, alcaldesa do Rosal valoraba esta reunión como “unha boa medida que agradecemos xa que despois de moitos días reclamando á Xunta datos contrastados do número de persoas afectadas, agora xa dispoñemos dunha canle de comunicación estable e frecuente que nos permitirá trasladar á poboación información oficial da evolución da situación”. Así mesmo, sinalaba que “a poboación do Rosal está comprometida e non me cabe dúbida que as medidas preventivas adoitadas para O Rosal o pasado sábado se cumplirán por parte das rosaleiras e rosaleiros de xeito exemplar, como en anteriores ocasións.”