Domingo, 4 Maio de 2025

A Banda da Agrupación Musical do Rosal adapta o seu ‘Festival de Músicos Xoves’ á nova realidade

A Banda da Agrupación Musical do Rosal adapta o seu tradicional Festival de Músicos Xoves á nova realidade que trouxo a crise sanitaria por mor da COVID-19. Ante a imposibilidade de xuntar nun mesmo espazo e mantendo a distancia de seguridade aos seus máis de 70 compoñentes, a agrupación decidiu modificar o formato deste festival que se viña celebrando dende hai xa 30 anos para seguir levando a música a cada recuncho do municipio rosaleiro.

Para conseguilo, a dirección decidiu formar grupos reducidos de músicos que durante os meses posteriores ao levantamento do estado de alarma ensaiaron diferentes repertorios. Neste sentido, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, destacou “a capacidade de innovación e adaptación da agrupación para seguir facendo do Rosal un pobo cultural e musicalmente activo”. Nacen así 6 ensembles instrumentais que toman o seu nome homenaxeando a personaxes senlleiras na historia da Agrupación Musical, como Pepe Flores, José Vicente Simeó, Nani Matos ou Emilio Rodríguez.

A estes grupos hai que sumar o grupo de cámara formado polo alumnado máis novo da escola de música e o grupo de clarinetes ‘Klason’, de longo percorrido na Agrupación. O director da Banda da Agrupación Musical, Javier Alonso, destacou a importancia desta acción formativa. “Queremos traballar tamén cos rapaces da escola e dedicámoslles un día da programación, no que farán un concerto o día 20”, afirmou.

Así, a Agrupación programa un ciclo de dez concertos repartidos polas distintas parroquias do concello, cos que levar a súa música á veciñanza rosaleira mantendo sempre as medidas de seguridade ás que obriga a actual situación sanitaria. O concelleiro de cultura, Carlos Villanueva, sinalou as cousas positivas que o novo formato pode deixar, sinalando que lle gustaría que “o formato dos ensembles non morrese ao volver á normalidade, senón que servisen para darlle unha nova vitalidade á agrupación”. Pola súa parte o presidente da Agrupación Musical, Andrés García, anunciou que teñen pensado facer unha campaña de captación de socios “aproveitando que percorrer moitos barrios aos que levabamos tempo sen ir, o que é unha oportunidade para darse a coñecer”.

Os concertos concéntranse na segunda e terceira semana de agosto, comezando o martes 11 no campo de balonmán de Novás e rematando o sábado 22 cun concerto na Praza do Calvario, conmemorando así o día no que se tería celebrado o Festival de Músicos Xoves.

PROGRAMACIÓN DE VERÁN DA AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL

  • 11 DE AGOSTO: NOVÁS (CAMPO DE BALONMÁN)
    • 21:00 BRASS BAND “José Vicente Simeó”
  • 12 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL)
    • 21:00 Quinteto de metáis “Alfonso Ulloa”
  • 13 DE AOGOSTO: SAN XIÁN (TORREIRO)
    • 21:00. Grupo de saxos “Emilio Rodríguez”
  • 14 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL)
    • 21:00 Ensemble de ventos “Nani Matos”
  • 15 DE AGOSTO: O CALVARIO (PRAZA)
    • 21:00 Ensemble de madeira “Pepe Flores”
  • 16 DE AGOSTO: SAN MIGUEL (ALAMEDA)
    • 22:00 Grupo de saxos “Emilio Rodríguez”
    • Grupo de clarinetes Klason
  • 18 DE AGOSTO: FORNELOS (ADEGA LAGAR DE CERVERA)
    • 21:00 Ensemble de madeira “Pepe Flores
  • 20 DE AGOSTO: TABAGÓN (PRAZA DO MAIO)
    • 21:00 Cámara da escola
  • 21 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL)
    • 21:00 Dextrum Ensemble. Cuarteto de saxofóns
  • 22 DE AGOSTO: O CALVARIO (PRAZA)
    • 22:00 BRASS BAND “José Vicente Simeó”