Dende o Concello do Rosal queremos propoñer novas ideas coas que facer os días de confinamento máis levadíos. Por este motivo ponse en marcha o xogo ‘Desde a miña ventá’, un xogo co que se busca implicar a toda a veciñanza e, a través de fotografías, levar uns intres de diversión a todas as casas. Todas as persoas do Rosal que queiran participar terán que facer unha fotografía amosando o que se ve dende a súa fiestra e enviala por correo electrónico a [email protected] poñendo nome e apelidos, teléfono e localización. Cada día o Concello colgará no seu perfil de Facebook unha das imaxes recibidas para que, mediante os comentarios, entre todos os veciños e veciñas adiviñen onde pode estar situada esa ventá.
Para poder participar, todas as fotografías deberán cumprir unha serie de requisitos mínimos. Así, en cada imaxe debe aparecer unha paisaxe do Rosal e as marxes da ventá ou o marco da fiestra dende a que se fai.
Non se aceptarán imaxes nas que saian persoas en primeiro plano, soamente paisaxes exteriores, nunca do interior da vivenda. E, para que sexa máis divertido, deberán ser zonas recoñecibles pero sen ser evidentes: as fotos poden dar pistas, pero nunca ser demasiado explícitas para poder xogar entre todas e todos un bo rato! O envío da fotografía suporá a aceptación e cesión de dereitos da mesma para a utilización no xogo por parte do Concello do Rosal, que se reserva a propiedade sobre futuros usos (arquivo, exposicións…).
A segunda parte do xogo terá lugar nas redes sociais. As persoas que queiran participar poden deixar o seu comentario na publicación tentando adiviñar o barrio ou a zona onde está tomada a fotografía, pero non se poderá dicir nunca o nome da persoa propietaria da vivenda nin se consentirán comentarios ofensivos ou de mal gusto.
“Todas e todos a xogar!”, anima o Concello que preside Ánxela Fernández Callís.