Domingo, 4 Maio de 2025

O Rosal fai un chamamento á veciñanza para axudar ás persoas máis vulnerables

Ante a situación de emerxencia xurdida a raíz da expansión do coronavirus e das medidas adoptadas polas autoridades para a súa contención, o Concello do Rosal pide a colaboración da veciñanza para axudar ás persoas que se atopan nunha situación máis vulnerable neste escenario de alerta sanitaria.

Por este motivo, dende o Concello que preside Ánxela Fernández Callís, pídese a todas as rosaleiras e rosaleiros “que se coñecen a veciños ou veciñas que poidan estar nunha situación ou de vulnerabilidade a raíz do Estado de alarma derivado do Covid-19 póñano en coñecemento do Concello”. Se saben dunha persoa maior que viva soa, alguén pertenza a un colectivo de risco, algunha persoa que precise axuda… “agradecemos que chamen ao Concello do Rosal para poder poñer en marcha as medidas de axuda que sexan necesarias. Pode chamarse ao 986 62 50 00 de luns a venres de 09.00 a 14.00 h”, sinala o Goberno local que agradece “toda a colaboración e solidariedade dos veciños e veciñas do Rosal, tan necesaria nesta situación de alerta sanitaria”.