Domingo, 4 Maio de 2025

O Teatro Municipal de Tui acolle o 27 de decembro o Concerto de Fin de ano

A Banda de Música Popular de Tui e as corais do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo ofrecerán serán as encargadas de despedir o 2019

Catro agrupacións tudenses serán as encargadas do Concerto de Fin de Ano que o próximo venres, 27 de decembro, ás 21 h se vai celebrar no Teatro Municipal de Tui. A música chegará da man da Banda de Música Popular de Tui e das corais do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo que ofrecerán un repertorio no que primarán as panxoliñas e as composicións da familia Strauss.

A presentación realizada na Casa do Concello estivo a cargo do alcalde, Enrique Cabaleiro; da concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente; do presidente e do director da Banda de Música Popular de Tui, Samuel Solla e Eloy Carrera; do director e do secretario da Coral CentroSociomunitario, David González e Gonzalo González; do tesoureiro e da integrante da Coral Ponte das Febres Manuel González e Helena Ucha; e da presidenta e do secretario da Coral San Telmo Teresa Prieto e Ricardo Martínez.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, explicou que no deseño da programación de Nadal asumiron dous retos que a programación evolucione, o que implica cambios, e dar cabida as tres corais tudenses nun “acontecemento único”, dicía. Pero amais este evento busca tamén trasladar a gratitude dende o Concello a estas agrupacións polo labor artístico e social que realizan. A concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, amosouse orgullosa de poder reunir neste concerto de Fin de Ano por primeira vez a Banda de Música e as tres corais que existen no municipio.

A Coral do Centro Sociocomunitario de Tui, baixo a dirección de David González, será a encargada de abrir o concerto con ‘Noche de Paz’, logo interpretarán ‘Despacito no hagais ruído’ e rematarán coa panxoliña ‘Seguindo unha estrela’. A Coral Ponte das Febres de Ribadelouro, dirixida por Rafael Pérez, elixiu para este concerto ‘Corre lixeiro’, ‘O neno dormía’ e a composición popular andaluza ‘Olé olé’. Con ‘Nadal de Luintra’ abrirá a súa actuación a Coral San Telmo que interpretará tamén ‘O Meniño’ e ‘Catro galegos a Belén’ baixo a dirección de Celso Diego Martínez.

A concerto proseguirá coa intepretación por parte das tres corais e da Banda de Música Popular de Tui de ‘Blanca Navidad’ e ‘Adeste Fidelis’. A última parte deste evento musical correrá a cargo da Banda de Música Popular de Tui que ofrecerá o tema principal da banda sonora de Xogo de Tronos, as panxoliñas ‘Feliz Navidad’ e ‘Adeste Fidelis’, e o ‘Danubio Azul’ e ‘Marcha Radetzky’ de Johann Strauss.

Dende o próximo luns, 23 de decembro, e até o venres 27 ás 12 h estarán á venda as entradas a través da web www.culturatui.info aos prezos 5 € e 3 €. Tamén se poderán adquirir o propio venres 27 dende as 19:30 h no despacho de billetes.