Domingo, 11 Maio de 2025

Que len os autores e autoras premiados da literatura galega?

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Normalización Lingüística que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, pon en marcha una inciativa para poñer en valor aos autores e autoras de Galicia e os libros ou autores que foron importantes nas súas vidas

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela desenvolve unha nova proposta de promoción da lectura en galego contando, desta volta, coa participación de varios escritores e escritoras que recibiron nos últimos anos importantes recoñecementos. Con esta actividade, que conta coa colaboración das bibliotecas municipais de Redondela, a Concellería de Normalización Lingüística que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, quere poñer en valor tanto a obra do autor ou autora entrevistado como aqueloutra que foron importantes nas súas vidas.

A proposta parte dun cuestionario simple no que escritoras e escritores responden sobre os/as autores/as e libros que máis influíron na súa formación, tanto da literatura universal como da literatura galega.

Este libros ofreceranse nun lugar destacado nas bibliotecas a carón das obras publicadas polo autor ou autora entrevistada, de tal maneira que exista un diálogo entre eles. Ademais a través das redes sociais e dos blogues do SNL e de bibliotecas pódese atopar máis información.

A alcaldesa de Redondela, salientaba a importancia dunha iniciativa que non so pon en valor a autores e autoras como Olga Novo, Ledicia Costas, Iolanda Castaño, Anxo Angueira, Darío Xohán Cabana ou Gonzalo Hermo e senón que chama a atención das lectoras e lectores “sobre aqueles outros libros ou autores que deixaron a súa pegada neles”.