15.5 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasO GDR Condado Paradanta salienta o papel das mulleres como motor económico...

    O GDR Condado Paradanta salienta o papel das mulleres como motor económico e social

    O día 8 de marzo conmemórase o Día Internacional das Mulleres, que foi adoptado pola Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas o 16 de decembro de 1977, co obxectivo de eliminar toda forma de discriminación hacia as mulleres, promover o seu empoderamento e conseguir a súa plena participación na sociedade. Consciente da necesidade de reinvindicar o importante papel que sempre desempeñou a muller no mundo rural o GDR Condado Paradanta contempla na súa estratexia de desenvolvemento “Reverdecendo Condado Paradanta” o apoio de iniciativas que visibilicen ás mulleres e dos proxectos que promovan a súa participación e inserción laboral.

    Jana, Lorena, Loli e Inma son empoderamento, acción e aposta polo rural. Estas catro mulleres son o exemplo de outras moitas que, día tras día, viven no rural; crian aos fillos nas aldeas e deseñan o seu ámbito laboral nalgunha parroquia do Condado Paradanta.

    Elas decidiron que o ODS 5: “acadar a igualdade de xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas” saíra do papel e se materializara nunha aposta firme polo autoemprego e polo territorio. Todas elas atopan no Condado Paradanta inspiración e os principios dunha filosofía que queren vivir: tranquilidade e calidade de vida cadrando coa estratexia do GDR na importancia de conservar e coñecer os recursos naturais para activalos dun xeito sostible e en harmonía co medio ambiente.

    Jana Kadlecova chegou de Eslovaquia hai quince anos e agora lidera unha axencia de viaxes, Bodega Travel; un punto de atención turístico, Visit Condado;o coworking ApartOffice e xestiona un apartamento turístico no centro de Ponteareas. Lorena Durán, da Cantaruxa Maruxa en Vilasobroso, deixou o seu traballo vencellado ao mundo da bioloxía para converter a casa dos seus avós nun aloxamento de turismo rural. Dolores Rodríguez rexenta, xunto ao seu fillo, o Hostal O Cendal en As Neves e Inma Comesaña muda de vida para deixar a cidade polo rural de Crecente e pór en marcha as cabañas na Devesa.

    Todas elas teñen en común as ganas de emprender, a confianza no territorio do Condado Paradanta e a aposta pola calidade. Da man do GDR conseguiron o certificado de calidade SICTED porque “é indispensable amosar ao mundo que aquí hai calidade. Eu cada ano vou sumando un servizo máis, analizo o que precisan as persoas cando se aloxan no meu apartamento e procuro facer todo o posible para que cando volvan o teñan. Non se pode baixar o listón porque non só prexudica ao noso sector tamén ao resto dos servizos”, explica Jana Kadlecova. Ao igual que as outras tres está convencida que a materia prima, os recursos do Condado Paradanta, son moitos pero aínda descoñecidos ou infravalorados. Lorena Durán engade que distinguirse a través da calidade tamén axuda na fidelización da clientela e Loli de O Cendal ten seguro que ofrecer calidade é xerar riqueza para a comarca.

    Pero a pesar do romanticismo que as levou de volta á aldea, como emprendedoras e empresarias non deixan de facer o seu análise DAFO e poñen o foco no que queda por facer. Salientan a necesidade de ofrecer máis actividades para o tempo libre e paquetes pechados nos que a clientela atope un plan xa organizado, tamén consideran que se debería incrementar as tarefas de mantemento de elementos patrimoniais e ter maior consciencia da beleza e riqueza do noso rural. Insisten na necesidade de sumar esforzos e coinciden co GDR en animar ao resto a facer unidade, a traballar en equipo e establecer alianzas para ser máis competitivos, a apostar pola innovación nos servizos e a ofrecer un rural coa esencia dos tempos de antes pero coas comodidades dos tempos actuais.

    “As mulleres sempre foron un motor no mundo rural e por iso o GDR ten sempre abertas vías de colaboración para ofrecer formación, asesoramento, apoio con fondos como o LEADER e axuda na tramitación e xestións coas administracións, ademais de acompañamento para que sigan a ser unha parte fundamental da vida no rural”, sinala Paco González, xerente do GDR.

    Dende As Neves, Crecente, Vilasobroso e Ponteareas, Loli, Inma, Lorena e Jana atopan no Condado Paradanta o autoemprego como fórmula para unha conciliación familiar e laboral máis doada; convértense, á vez, en empresarias e dinamizadoras económicas e sociais e dan unha nova vida a espazos que agardaban volver ser produtivos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.