A Xunta de Goberno do Concello de Mos aprobou as bases reguladoras de axudas para libros e material escolar e uso do servizo de comedor escolar 2022-2023. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, puxeron en valor que o Concello de Mos “multiplicou as axudas para escolares, tanto no que se refire a comedor como a material escolar, apostando de xeito decidido polo apoio á conciliación da vida familiar e laboral dos pais, nais e familias mosenses”.
Arévalo e Loureiro explicaron que o pasado mes de xuño sacouse desde a administración local mosense unha convocatoria extraordinaria “para triplicar o orzamento municipal destinado ás axudas para comedor escolar, pasando a cantidade anual destinada a tal fin de 10.000 euros a 30.000 euros, polo que dos solicitantes da axuda para a anterior convocatoria, todos eles contaron con ela concedida”.
Cabe lembrar que a subvención concedida polo Concello neste senso é de 2 euros por menú de cada neno/a ao día.
Na presente convocatoria para estas axudas, cuxo prazo de inscrición ábrese este mes de setembro, manterase a mesma contía orzamentaria destinada a tal fin co obxectivo de poder seguir concedendo a subvención a todas as familias demandantes.
En canto ás axudas municipais para a adquisición de material escolar xestionadas pola concellería mosense de Política Social, tamén se duplicou o orzamento anual destinado a tal fin, pasando de 5.000 euros a 10.000 euros.
De cara ao presente curso 2022-2023, tanto as axudas para a adquisición de material escolar como de uso de comedor escolar, manteñen o importe multiplicado. No caso do material pásase, como xa se dixo, dos 5.000 aos 10.000 euros, para poder chegar ao maior número de familias.
Novidade no método de pago das axudas para comedor
Os pagos das axudas para comedor escolar inclúen este curso unha nova forma de pago trimestral. Os abonos das sunvencións faranse cada tres meses, sendo o primeiro en decembro (para os meses de setembro, outubro e novembro), marzo (para os meses de decembro, xaneiro e febreiro) e xullo (para os meses de marzo, abril, maio e xuño). O prazo de presentación das solicitudes estará aberto dende o día seguinte á publicación no BOPPO.